Nova: López Campos destaca en Madrid “o inesquecible legado dunha das nosas artistas máis universais”

22/01/2026

López Campos destaca en Madrid “o inesquecible legado dunha das nosas artistas máis universais”

A mostra ‘Maruja Mallo. Máscara y compás’ supón a maior retrospectiva realizada ata a data arredor da figura da pintora galega

O representante da Xunta fixo fincapé na importancia de difundir “a pegada dunha artista que rompeu barreiras e cimentou as bases da muller moderna”

Ademais, resaltou “a relevancia da presenza nun museo do director de Sirat, o que supón un recoñecemento máis ao seu talento e calidade como creador artístico” no día no que se anunciou como candidata aos Oscar a mellor Filme Internacional e Son

Madrid, 22 de xaneiro de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou hoxe en Madrid “o inesquecible legado de Maruja Mallo, unha figura referente da vangarda en Galicia e unha das nosas artistas máis universais”. Fíxoo na súa visita á mostra Maruja Mallo. Máscara y compás que pode verse ata marzo no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía e que supón a maior retrospectiva realizada ata a data arredor da figura da creadora galega.

Así, o representante da Xunta fixo fincapé na importancia “de difundir a pegada na nosa cultura da pintora viveirense, que rompeu barreiras e cimentou as bases da muller moderna”. Neste senso, resaltou que a mostra, que reúne 90 obras entre as que se atopan pinturas, debuxos, escritos, documentos e vídeos, dálle continuidade ao proxecto expositivo que se puido visitar ata o 14 de setembro no centro Botín de Santander

Tal e como lembrou o conselleiro de Cultura, o Goberno galego colaborou nesta proposta apoiando a elaboración dunha alfombra dedicada á homenaxeada, que foi realizada pola Asociación Cultural Cunchas e Flores de Bueu, con motivo da inauguración desta mostra, e que pode contemplarse na actualidade no Museo Massó de Bueu, onde foi trasladada posteriormente.

Recoñecemento a Oliver Laxe como artista

Por outra banda, López Campos puido contemplar no Museo Reina Sofía a instalación HU. Bailad como si nadie os viera, de Oliver Laxe, no día no que a película do cineasta galego, Sirat, foi seleccionada oficialmente para optar aos Premios Oscar nas categorías de Mellor Filme Internacional e Son. Deste xeito, o responsable de Cultura da Xunta aproveitou para felicitar publicamente ao director cinematográfico, á vez que sinalou “a relevancia da presenza dunha peza súa nun museo, o que supón un recoñecemento máis ao seu talento e á calidade do seu traballo desde a perspectiva de creador artístico”. Ademais, púxoo como exemplo “da diversidade e versatilidade dos nosos artistas, que non deixan de marabillarnos”.

A obra inmersiva evoca a primeira manifestación sonora da divindade e recolle parte do proceso creativo, da investigación e das gravacións que deron lugar ao filme Sirat, xa premiado no Festival de Cannes e nos Premios do Cine Europeo, e seleccionada ademais  en 11 categorías dos Goya.

Neste senso cómpre lembrar que a xunta apoia a campaña de promoción internacional da película cunha achega de 50.000€, que se suma á subvención de 260.000 euros que lle foi concedida para a súa producción, e responde tanto ao seu alto valor artístico e técnico como á oportunidade única que para o conxunto do sector supón o feito de contar cunha embaixadora do cinema galego nos premios máis relevantes e mediáticos do panorama mundial. 

Comparte