Nova: A Xunta aproba o decreto que regula a creación, modificación e disolución dos centros museísticos de Galicia
20/01/2026
A Xunta aproba o decreto que regula a creación, modificación e disolución dos centros museísticos de Galicia
- O Consello deu o visto e prace a norma que desenvolve a Lei de Museos aprobada en 2021 e que dotou o sector dun marco xurídico e dunha identidade propia
- O texto inclúe a creación dun distintivo de identificación para unificar a imaxe do Sistema Galego de museos e un rexistro
- Distingue dous modelos diferentes de Plan museolóxico segundo o carácter da institución e tendo en conta as súas áreas funcionais
A Xunta de Galicia acaba de aprobar o decreto que regula a creación, modificación e disolución dos centros museísticos de Galicia. Así se acordou hoxe no Consello, onde se lle deu o visto e prace á norma, que desenvolve a Lei de Museos aprobada en 2021 e que dotou ao sector dun marco xurídico propio que non existía con anterioridade.
Así, a entrada en vigor deste texto permitirá levar a cabo unha serie de accións dirixidas a mellorar a organización dos museos. É o caso da creación dun distintivo identificativo. Trátase dun recurso moi demandado polo sector que permitirá unificar a imaxe das entidades do Sistema Galego de Centros Museísticos, impulsando así a súa proxección social. Ademais, crease o Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia, un instrumento adscrito á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ao que se incorporarán as entidades creadas no marco da lei.
Outra das novidades é que, ao abeiro deste texto, regularanse dous modelos de Plan museolóxico segundo o carácter da institución e as áreas funcionais. Trátase dun instrumento técnico que permite centrar a natureza, liñas programáticas, obxectivos ou medios de calquera centro, así como a información relativa aos seus programas e áreas de actividade. Deste xeito, haberá un para os museos, diferenciados pola súa área de documentación, conservación e investigación, e outro para coleccións museográficas e centros de interpretación do patrimonio cultural que contarán cos contidos axeitados ás súas categorías.
O Plan incorporará tamén un programa de inclusión cultural, que inclúe as medidas previstas para o acceso universal aos bens culturais e aos coñecementos asociados a eles, como o grao de accesibilidade física, comunicativa, o aparcamento ou as iniciativas e actividades que fomenten a participación de colectivos en risco de exclusión cultural. Trátase dunha medida na liña da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, unha normativa pioneira en Europa que afonda na eliminación de barreiras físicas, cognitivas, comunicativas, sociais e territoriais.
Por outra banda, a posta en marcha desta norma supón tamén unha maior seguridade xurídica para o sector e a axilización no proceso de cualificación dos centros, que se normalizará a través da tramitación electrónica. Facilítase así a incorporación ao sistema de entidades que dispoñen do potencial necesario para ser integradas no mesmo. Neste escenario, preténdese mellorar a visibilización e o control sobre o patrimonio cultural custodiado nas distintas institucións, que repercutirá nunha maior difusión e no incremento de oportunidades para acceder ao coñecemento por parte da poboación.
A nova regulación tamén terá un impacto directo a nivel social xa que, ademais de fomentar a universalización do acceso á cultura, será unha ferramenta de dinamización e cohesión e incidirá en aspectos como a xeración de emprego ou a potenciación do turismo.
Cómpre destacar que o Sistema Galego de Centros Museísticos, nos que se inclúen os de titularidade da Xunta rexidos por un decreto propio, conta na actualidade con 70 museos, aos que hai que sumar 23 coleccións museográficas e 4 centros de interpretación do patrimonio cultural, o que conforman un total de 97 centros.
