Nova: Os museos da Xunta consolidan o seu crecemento con 635.642 visitas, un 10% máis que en 2024
18/01/2026
Os museos da Xunta consolidan o seu crecemento con 635.642 visitas, un 10% máis que en 2024
No balance inclúense 14 centros xestionados polo Goberno galego nas catro provincias, cun incremento do 10% con respecto ao pasado exercicio
Destaca a tendencia ascendente que segue a manter a Cidade da Cultura, que acadou os 274.422 visitantes, o maior número da súa historia
Algúns dos equipamentos máis concorridos foron o Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago; o Museo do Mar, en Vigo; o Arqueolóxico de Ourense ou o do Castro de Viladonga, en Lugo
Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2025
Os museos xestionados pola Xunta de Galicia, un total de 14 equipamentos, recibiron 635.642 visitas durante o 2025, consolidando así a senda ascendente dos últimos anos ao rexistrar un incremento do 10% con respecto ao 2024, cando se contabilizaron 576.866 persoas.
Neste senso, destaca o incremento de afluencia na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, que superou a cifra do ano anterior, 242.222 persoas, situándose en 274.422 visitantes tanto ás súas exposicións como a outras propostas culturais. Este dato, o maior da súa historia, está vencellado a mostras como Castelao. Mirar por Galicia, enmarcada na programación da Xunta polo Ano Castelao; Rafael Úbeda. Visión retrospectiva, ou experiencias virtuais como Orixes, ás que hai que sumar o seu programa de exposicións en itinerancia.
Outro dos espazos máis concorridos durante o 2025 foi o Centro Galego de Arte Contemporánea, tamén en Santiago de Compostela, que superou as visitas de 2024 acadando as 58.050 no exercicio que se acaba de pechar. Fíxoo, entre outros proxectos, coas exposicións Mar Caldas: mulleres, traballo e memoria; Priscilla Monge. Cuestións de vida ou morte, ou Concha Jerez/José Igés. Resignificacións.
Aínda na provincia da Coruña, o Museo das Peregrinacións e de Santiago foi visitado por 51.257 persoas, cunha programación na que a gran protagonista foi Kumbh Mela Prayagraj, con fotografías de Manuel Valcárcel, e que aínda se pode ver ata marzo. Mentres, o Museo de Belas Artes, na Coruña, acadou 46.985 rexistros nunha tempada na que destacou a exposición A barca de Caronte: a travesía vital de Isaac Díaz Pardo, centrada no autor homenaxeado polo Día das Artes Galegas. Pola súa banda, en Padrón, a Fundación Cela contou con 5.659 visitantes entre a súa colección permanente e outras iniciativas como Habitar o baleiro ou Doutorados Honoris Causa.
O Museo do Mar de Galicia, en Vigo, foi un dos equipamentos nos que máis medrou a afluencia, pasando de 39.158 persoas a 49.536 nun ano no que acolleu mostras itinerantes, como Viquingos. Unha mirada desde Galicia, e propostas propias como Quino en la música ou Bambú. Tamén situado na provincia pontevedresa, o Museo Massó de Bueu recibiu 18.596 visitas, encamiñando este 2026 cos novos espazos inaugurados no verán tras varios meses en obras, entre eles a sala Urbano Lugrís.
Xa en Ourense, cómpre salientar o incremento do Museo Arqueolóxico Provincial, con 20.759 entradas, 5.000 máis que no 2024, e que ofreceu visitas aos seus fondos, así como mostras temporais e percorridos por distintos xacementos. A este, úneselle o Museo Etnolóxico de Ribadavia, que tamén medrou nos seus rexistros ata chegar ás 18.081 persoas, e o Museo do Viño de Galicia, na mesma localidade, cun total 6.746 visitas.
Espazos vencellados ao patrimonio
Na provincia de Lugo a Xunta xestiona dous equipamentos que teñen que ver con enclaves patrimoniais. É o caso do Museo do Castro de Viladonga, en Castro de Rei, ao que acudiron no 2025 un total de 45.743 visitantes, mantendo as cifras dos últimos anos, e do Conxunto Etnográfico das Pallozas do Cebreiro, que foi visitado por 14.721 persoas.
No eido do patrimonio cultural, o Goberno galego tamén conta con outros dous complexos. Trátase do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, en Pontevedra, cun balance de 15.083 visitas, e do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las, en Ourense, do que puideron gozar 10.004 persoas.
