Nova: A Xunta renova o seu compromiso para potenciar actividades inclusivas co colectivo de persoas xordas

18/01/2026

A Xunta renova o seu compromiso para potenciar actividades inclusivas co colectivo de persoas xordas

A Fundación Cidade da Cultura e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia asinan un novo convenio para promover a accesibilidade á programación do Gaiás nos próximos dous anos

Incidirase especialmente na adaptación de materiais divulgativos e na presenza de intérpretes en lingua de signos e de guías-intérpretes para as persoas xordocegas

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2026

A Xunta de Galicia fomenta a accesibilidade das persoas xordas e xordocegas á programación da Cidade da Cultura mediante a colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, en liña cos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible impulsada pola Xunta de Galicia.

Así se recolle no convenio asinado pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e a presidenta da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, María Alonso Mesia, que afonda na cooperación para o desenvolvemento de actividades inclusivas e boas prácticas culturais sen barreiras. Trátase dun acordo, ademais, encadrado nas medidas promovidas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para traballar por unha cultura máis inclusiva e accesible en Galicia, de man das asociacións e entidades que están no día a día das persoas e colectivos que atopan maiores dificultades no acceso a contidos culturais.

Así, ao abeiro desta colaboración, a Cidade da Cultura e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia apostan nos próximos dous anos por potenciar a interpretación en lingua de signos e a presenza de guías-intérpretes para as persoas xordocegas, tanto nas visitas ás exposicións como en grandes eventos ou en actividades infantís e familiares. Trátase dunha medida na que é fundamental o asesoramento especializado da Federación para avanzar na adaptación dos contidos expositivos do Gaiás á lingua de signos e desenvolver materiais audiovisuais de apoio.

Outras medidas con foco na accesibilidade son o servizo de bucle magnético para as persoas con implante coclear e audífonos dispoñible no Museo, así como a incorporación de mochilas vibratorias en espectáculos musicais como Atardecer no Gaiás, mellorando, de maneira significativa, a experiencia das persoas xordas ou con discapacidade auditiva

Comparte