Nova: A Xunta e a Fundación Telefónica inauguran en febreiro na Cidade da Cultura a exposición ‘Mundo expandido. Entre o físico e o virtual’
17/01/2026
A Xunta e a Fundación Telefónica inauguran en febreiro na Cidade da Cultura a exposición ‘Mundo expandido. Entre o físico e o virtual’
A mostra, coa que arrinca a programación expositiva do Museo Centro Gaiás en 2026, explora os límites da realidade física e da simulación dixital ao longo da historia, afondando na pulsión humana por crear mundos virtuais
Trátase da primeira itinerancia en España deste proxecto que puido verse orixinalmente en Madrid entre 2023 e 2024 e que se exhibiu posteriormente no Museo de Arte de Lima (MALI), no Perú
O vindeiro 4 de febreiro abrirá as portas ao público no Gaiás, onde poderá visitarse ata o 30 de agosto, con entrada de balde
Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2026
A Xunta de Galicia e a Fundación Telefónica exhiben a partir de febreiro no Museo Centro Gaiás a exposición Mundo expandido. Entre o físico e o virtual, unha reflexión sobre os límites da realidade física e da simulación dixital, que explora a pulsión humana por crear e habitar mundos virtuais.
Nun percorrido por máis de 80 pezas, a mostra inclúe instalacións inmersivas, videoxogos, aplicacións de realidade aumentada e obras de diversos artistas nacionais e internacionais; pero tamén obxectos históricos dos séculos XVIII e XIX que xa comezaron a experimentar co fenómeno da tridimensionalidade: como a caixa óptica, o diorama, ou os visores estereoscópicos.
Mundo expandido é un convite a afondar e reflexionar sobre o impacto da creación de mundos e avatares virtuais e sobre as súas implicacións éticas, filosóficas, legais, sociais e económicas. A globalización, a hipervixilancia, a desigualdade, as identidades dixitais, ou a organización social e códigos de conduta en comunidades virtuais son algúns dos temas, de fonda actualidade, presentes nunha mostra que pon o foco nunha sociedade que habita entre o real e o virtual.
Trátase dun proxecto da Fundación Telefónica que puido verse orixinalmente na súa sede en Madrid entre novembro de 2023 e maio de 2024 e que itinerou posteriormente ao Perú, exhibíndose entre o xuño e novembro do 2024 no Museo de Arte de Lima (MALI). A súa estancia no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura representaría a primeira itinerancia en España desta mostra.
Programación da Cidade da Cultura en 2026
Mundo expandido. Entre o físico e o virtual inaugúrase na Cidade da Cultura o vindeiro 4 de febreiro e representa a primeira gran novidade expositiva do Museo Centro Gaiás para este ano 2026. A mostra, que poderá visitarse con entrada de balde ata o 30 de agosto, contará cun programa de visitas guiadas e tamén didácticas, especialmente destinadas a que o alumnado galego poida afondar nas cuestións relacionadas coa exposición desde unha óptica adaptada aos currículos escolares.
Tamén, no marco do programa Gaiás Inspira, incluirá un programa propio de actividades lúdicas e divulgativas, dirixidas ben a público adulto, ben a infantil e xuvenil, con propostas pensadas para converter as salas do Museo nun espazo vivo, aberto á participación do público e á aprendizaxe compartida.
Mundo expandido. Entre o físico e o virtual encádrase na liña de traballo da Cidade da Cultura ao redor da tecnoloxía e as artes dixitais, unha área prioritaria dentro da programación cultural do Gaiás na que tamén se enmarca a construción do primeiro Centro de Artes Dixitais de Galicia, infraestrutura que comezará a súa actividade na segunda metade deste mesmo ano.
