Nova: A Xunta e a cámara de comercio promoven a formación dos profesionais do sector cultural galego na innovación tecnolóxica
15/01/2026
A Xunta e a cámara de comercio promoven a formación dos profesionais do sector cultural galego na innovación tecnolóxica
Ambas as dúas administracións colaboran co fin de apoiar os traballadores das industrias culturais no uso das novas tecnoloxías aplicadas á xestión, produción e difusión de proxectos
O programa está dividido en cinco cursos que abranguen desde a xeración de experiencias con intelixencia artificial ata novas ferramentas para a xestión do patrimonio
Desenvolveranse en liña entre febreiro e xuño e as persoas interesadas poden anotarse de balde na web da Cámara de Comercio
Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2026
A Xunta de Galicia e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela veñen de renovar o seu acordo para promover a formación dos profesionais das industrias culturais e creativas galegas no eido da innovación tecnolóxica. Trátase dunha colaboración que permite desenvolver desde cursos de xeración de experiencias con intelixencia artificial ata o uso de novas ferramentas na xestión do patrimonio.
Así se desprende do convenio asinado pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e o vicepresidente da Cámara de Comercio, Jorge Lorenzo Souto, cuxo obxectivo é fortalecer o sector cultural e avanzar neste eido cara unha industria adaptada ás novas tendencias dixitais a través da formación.
Deste xeito, o acordo reforza o papel do Gaiás como unha entidade pioneira no apoio ao emprendemento cultural na Comunidade. De feito, a iniciativa enmárcase na liña de acción do Centro de Emprendemento, que ofrece un espazo de traballo e acompañamento para potenciar o nacemento e consolidación de proxectos culturais, sociais e tecnolóxicos en Galicia.
Alianzas para fortalecer o sector cultural
A formación, que se desenvolverá entre febreiro e xuño, enmárcase no programa de actuación 2025-2026 da Rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.
En total, está composta por cinco cursos que abranguen novos modelos de xestión cultural, a creación de experiencias culturais con intelixencia artificial, o uso da tecnoloxía na xestión do patrimonio, o emprendemento tecnolóxico e o blockchain e NFTs no sector. As persoas interesadas poden anotarse de balde na web da Cámara de Comercio e, quen o desexe, poderá solicitar o uso das instalacións do Centro de Emprendemento do Gaiás durante o tempo no que se desenvolva a formación.

