Nova: A Xunta destina 185.000 € para mellorar a descrición dos fondos documentais dos arquivos

15/01/2026

A Xunta destina 185.000 € para mellorar a descrición dos fondos documentais dos arquivos

A convocatoria, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, diríxese a concellos e entidades sen fin de lucro galegas 

Os interesados poderán recibir ata 7.000€, no caso de peticións individuais, ou 9.000€ nas solicitudes conxuntas ou fusionadas con outras agrupacións ou asociacións

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude abre desde mañá, e ata o 16 de febreiro, o prazo para acceder a estas achegas

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2026

A Xunta destina 185.000 euros á mellora dos arquivos de Galicia, garantindo unha custodia responsable e o acceso dos cidadáns aos documentos. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta convocatoria que está dirixida a entidades locais e privadas sen fin de lucro, para a realización de actividades que teñan por obxecto a descrición de series documentais segundo a metodoloxía arquivista.

Esta liña de axudas, posta en marcha pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, dará ás entidades beneficiarias unha achega máxima de 7.000 euros por proxecto, que en ningún caso poderá exceder o 80% do investimento total aprobado. Este importe de ascenderá a 9.000€ cando se trate de solicitudes presentadas conxuntamente por más dunha entidade local baixo a fórmula de agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra de carácter similar.

A través da iniciativa o Goberno galego colaborará para sufragar a descrición de fondos documentais de arquivos seguindo os criterios de obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade e non discriminación, así como a  eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados polo Goberno galego, e a eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

A esta convocatoria, que abre desde mañá e ata o vindeiro 16 de febreiro o prazo das solicitudes, poderán optar aquelas entidades que conten cun local estable destinado a arquivo e custodien fondos documentais constitutivos do patrimonio documental de Galicia. Ademais, os proxectos presentados deberán seguir as recomendacións e normas técnicas de arquivos dispoñibles no Portal de Arquivos de Galicia.

A través deste tipo de axudas, o Goberno galego continua co seu compromiso de protección, conservación, acrecentamento e difusión do patrimonio documental e arquivos. Deste xeito, búscase garantir o acceso á cultura para todas as persoas eliminando as barreiras físicas, cognitivas, comunicativas, sociais ou territoriais, tal e como se establece na Lei de cultura inclusiva de Galicia, un texto pioneiro en Europa, que se aprobou por unanimidade o pasado ano.

Comparte