Nova: A Xunta estuda reforzar a colaboración coa Fundación Carlos Velo entrando no seu padroado
14/01/2026
A Xunta estuda reforzar a colaboración coa Fundación Carlos Velo entrando no seu padroado
Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2026
A Xunta de Galicia estuda a posibilidade de formar parte do padroado da Fundación Carlos Velo e ampliar así a colaboración que mantén con esta entidade que, ademais de difundir a obra e figura deste importante cineasta de orixe ourensán, tamén leva a cabo accións de promoción do cinema documental galego.
Así o abordaron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e la presidenta desta institución, Carmen Leyte, quen lle trasladou este convite da Fundación a participar no padroado no transcurso da reunión mantida hoxe en Santiago de Compostela. Cómpre lembrar a relevancia da contribución da Fundación Carlos Velo á creación e difusión audiovisual en Galicia, en especial, a través da colaboración que realiza co Festival de Cine Internacional de Ourense, certame que conta cun premio dedicado ao considerado ‘Pai do documentalismo cinematográfico en España’.

