Nova: López Campos anuncia que a Xunta rematará este mes a reforma do sistema de climatización do CGAC
14/01/2026
López Campos anuncia que a Xunta rematará este mes a reforma do sistema de climatización do CGAC
A intervención impulsada polo Goberno galego conta cun investimento dun millón de euros para optimizar as condicións de temperatura e humidade precisas tanto para a conservación das obras como para o benestar dos visitantes
O responsable de Cultura destaca que se trata dunha actuación “enmarcada no plan de modernización dos equipamentos culturais para facelos máis eficientes”
A esta actuación súmase a ampliación, coa supervisión do arquitecto Álvaro Siza, da sala de lectura da biblioteca, que volverá abrir no vindeiro mes de febreiro
Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou hoxe o Centro Galego de Arte Contemporánea onde a Xunta de Galicia rematará este mes a reforma do sistema de climatización, un proxecto no que o Goberno galego inviste máis dun millón de euros a través dun convenio da Consellería co Instituto Enerxético de Galicia e co financiamento do 60% da Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.
Tal e como explicou o responsable autonómico de Cultura, a intervención “enmárcase no plan de mellora e modernización dos nosos equipamentos culturais para facelos máis eficientes e máis accesibles para a sociedade”. Así, destacou que se trata “dunha importante actuación para un espazo que non deixa de medrar no seu número de visitantes nos últimos anos, consolidándose como centro museístico de referencia”. É por iso, puntualizou, “que debemos velar porque a calidade do seu servizo vaia na mesma liña ascendente que a resposta do público”.
Deste xeito, as tarefas enfócanse en solucionar as deficiencias xurdidas co paso do tempo no inmoble e en dotalo das condicións de temperatura e humidade axeitadas, repercutindo, como lembrou López Campos, “tanto na conservación das obras de arte como no benestar dos visitantes”. Así, estanse a renovar tanto os elementos de produción de calor, frío, humectación ou secado de aire, como as conducións de aire. O proxecto recolle tamén a necesidade de garantir o bo funcionamento de todos os equipos e o cumprimento da mellora da eficiencia enerxética en edificios públicos.
Máis capacidade para o arquivo de libros
López Campos precisou que a esta actuación súmase tamén a ampliación da sala de lectura da biblioteca do centro cunha achega de 47.372€ e que, tras completar os últimos detalles, volverá abrir as súas portas no mes de febreiro. Así, explicou que o obxectivo do proxecto “é adecuar o espazo para albergar o arquivo de 6.759 libros máis dos que contén na actualidade, e que nos permitirá asumir o crecemento actual para outros dez anos”.
Cómpre destacar que esta intervención está supervisada polo arquitecto portugués Alvaro Siza, redactor do proxecto de construción do edificio, que foi inaugurado o 29 de setembro de 1993 e cuxa biblioteca se puxo en marcha en 1999. A proposta pretende reforzar a condición do espazo de máis altura, duplicando o número de baldas e ao mesmo tempo ocupar os espazos baleiros entre as librarías máis baixas.
Na actualidade, a biblioteca conta cun total de 29.800 rexistros bibliográficos, nos que se inclúen, ademais de catálogos de exposicións e libros monográficos de artistas, as revistas e as edicións especiais.



