Nova: O Centro Dramático Galego pecha 2025 con 14 producións, 300 funcións e máis de 40.000 espectadores

12/01/2026

O Centro Dramático Galego pecha 2025 con 14 producións, 300 funcións e máis de 40.000 espectadores

  • O informe elevado ao Consello da Xunta reflicte a consolidación da unidade teatral no seu impacto sobre a creación escénica galega e na conexión coa cidadanía
  • O plan de mobilidade ‘Sobes ao autobús do teatro?’ desprazou ao Salón Teatro 2653 persoas en 72 rutas territoriais con paradas en 80 concellos das catro provincias
  • Afiánzanse as liñas de traballo a prol da accesibilidade, a inclusión e a acción exterior  
  • Como motor sectorial, asumiuse a contratación de 29 intérpretes e doutras 80 persoas que asinaron distintas realizacións artísticas
  • O 2026 iniciase cunha nova peza, a xa estreada ‘Memorias dun neno labrego’, á que seguirá a montaxe de ‘Hamlet’ en marzo

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude elevou hoxe ao Consello da Xunta o informe da actividade anual desenvolvida polo Centro Dramático Galego en 2025, no que se recollen as principais cifras e indicadores da súa evolución positiva tanto no que atinxe ao seu impacto no volume de creación escénica como no avance das liñas de conexión coa cidadanía. Así, a unidade teatral pública pechou 2025 tras ter producido ou participado na produción de 14 novos espectáculos e de ter presenza como coprodutor nun total de 305 funcións en máis da metade dos concellos galegos, ás que asistiron máis de 40.000 persoas.

 

Tamén as liñas de traballo a prol da accesibilidade, a sustentabilidade e a acción exterior viron reforzados os estándares acadados en anos precedentes. Neste sentido, o programa de mobilidade Sobes ao autobús do teatro? mobilizou público de máis de 80 concellos en 72 rutas territoriais desde as catro provincias cara ao Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego. Foron 2653 persoas as desprazadas mediante esta canle para presenciar as dúas producións propias: A burra, a mesa e o pau e A serie clopen, ademais de Nada se sabe, coprodución do ano 2024 que volveu programarse polo fito que supuxo en canto ao fomento da inclusión e a diversidade funcional desde as táboas.

 

Con este mesmo obxectivo, o Centro Dramático Galego continuou a consolidar a súa política en canto a minimizar as barreiras de acceso á cultura a todos os niveis, tanto as territoriais como as cognitivas e físicas. A progresiva implantación do sistema SINTE, de deseño e desenvolvemento propio, permitiu dotar de audiodescrición, signado e subtitulado 90 funcións en 10 localidades dos devanditos tres espectáculos, ademais de Manuela Rey Is In Da House, coprodución con Portugal estreada en 2023. Tamén seguiron a ofrecerse pases descontraídos (con especial tolerancia a luz e movementos no patio de butacas) e visitas táctiles.

 

O Salón Teatro, en Santiago de Compostela, tamén mantivo o seu nivel de actividade, cunha carteleira de 166 citas culturais ás que acudiron 21.000 persoas en 307 xornadas aberto ao público.

Cómpre destacar que a actividade pública do Centro Dramático Galego neste 2026 xa se iniciou coa estrea o pasado xoves, día 8, de Memorias dun neno labrego, producida xunto á compañía Contraproducións baixo a dirección de Candido Pazó, á que seguirá a montaxe de Hamlet, prevista para marzo e dixirixa por Tito Asorey.

 

Dinamización sectorial

No plano da creación escénica, á produción propia de A burra, a mesa e o pau e A serie clopen sumáronse outros 12 espectáculos asumidos en distintos réximes de coprodución con compañías e entidades galegas e portuguesas: Berenguela na gaiola, Costa da Morte. Cartografía dun naufraxio, Fábrica de fume, Heroes en decembro, Medea mamá monstro, Mala vida e pior morte de Ricardo III, O carteiro de Ximaraos, Profetas, Punto en boca, Roland mon amour, Rosalía. Cartografía de ásperas ortigas e Jose Afonso, ao vivo nos coliseus, 1983.

No seu papel de produtor e motor teatral, o Centro Dramático Galego contribuíu en 2025 á dinamización do sector co investimento de máis de 250.000 euros na contratación directa de 29 intérpretes (sete deles para o inicio dos ensaios da proposta de 2026 Memorias dun neno labrego), así como na das máis de 80 persoas que asinaron distintas realizacións artísticas (dirección escénica, escenografía, iluminación, espazo sonoro, vestiario, coreografía, etc.).

 

Nunha lectura máis cualitativa, os proxectos e profesionais seleccionados exemplifican a aposta pola dramaturxia galega actual e pola atención á creación escénica a cargo de novos directores e directoras para poñer o foco no talento mozo e nunha nova xeración teatral.

 

Outra acción importante asentada neste eido foi a de desenvolver residencias artísticas en distintos concellos: Catoira, Ribeira, Rianxo e Ponteareas participaron xa nesta iniciativa, coa que se promoveu un novo modelo de colaboración entre institucións ao tempo que se garante o arraigo do teatro no territorio e se acompaña os procesos creativos.

  

Internacionalización

No informe destaca, así mesmo, o labor para propiciar a presenza exterior dos proxectos teatrais galegos e dos profesionais do país. Esta acción viuse reforzada o pasado ano pola adhesión á Unión de Teatros de Europa (UTE), unhas das redes escénicas máis prestixiosas do continente, o que abrirá novas vías de colaboración artística, coprodución e intercambio nun futuro próximo.

 

Tamén se sinalan os resultados do programa europeo Phōnē-RML Theatre Network, a través do que se lle deu visibilidade ao idioma galego mediante a creación contemporánea compartida xunto con nove linguas minoritarias de sete países, así como diversas participacións internacionais, entre elas as colaboracións establecidas con Cabo Verde (Festival Mindelact) e Bulgaria (Small Season Sofia), ou as sinerxías creadas cunha vintena de entidades públicas e privadas portuguesas.

 

O labor desenvolvido no último ano polo Centro Dramático Galego valeulle varias distincións, tales como un dos premios Solidarios da Fundación ONCE, o selo R de espectáculo recomendado pola Red Española de Teatros, Auditorios, Circuitos y Festivales de Titularidad Pública para A serie clopen, proposta que incorporou o circo contemporáneo á produción propia da compañía institucional, ou o escalado ata o sétimo posto no ránking Lo mejor de la cultura 2024 realizado polo Observatorio de la Cultura da Fundación Contemporánea.

Comparte