Nova: A Xunta mellora a accesibilidade á información de Galiciana coa incorporación de novas ferramentas
12/01/2026
A Xunta mellora a accesibilidade á información de Galiciana coa incorporación de novas ferramentas
- A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora coa Amtega para crear dous espazos temáticos que permitirán consultar máis de 800 cabeceiras de prensa, así como máis de 40.000 documentos relacionados con episodios históricos
- Habilitarase tamén un grafo de coñecemento, un modelo de representación que permite que se poidan facer consultas dun xeito persoal e expresivo
- Estas novas medidas encádranse en ‘Memoria Dixital de Galicia’, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para que todas as persoas poidan acceder de xeito fácil e universal ao seu patrimonio cultural
A Xunta de Galicia dá un paso máis na dixitalización do patrimonio cultural galego mediante a incorporación de novas ferramentas en Galiciana Patrimonio Dixital de Galicia, a plataforma impulsada polo Goberno galego para dixitalizar e poñer a disposición da cidadanía o patrimonio cultural, bibliográfico e arquivístico da nosa comunidade. Así se deu conta hoxe no Consello da Xunta, onde se avaliou o informe Memoria Dixital de Galicia. Galiciana Semántica.
Neste senso, tal e como se desprende do documento, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora coa Amtega na creación de dous espazos temáticos de difusión que contarán con presenza propia e que permitirán consultar cabeceiras de prensa e documentos vencellados con episodios históricos. Deste xeito, coa creación do primeiro espazo, a hemeroteca de Galiciana convértese nun lugar de consulta dinámico, conectado e enriquecido no que se poderá acceder a máis de 800 cabeceiras de prensa publicadas desde 1800 ata a actualidade. No seu conxunto, estes recursos suman case dous millóns e medios de imaxes entre as que se poderá buscar por texto completo.
Por outra banda, o segundo espazo crearase a partir dun microsito aloxado no Arquivo Dixital de Galicia e facilita o acceso a información sobre documentos relacionados con episodios históricos como o Golpe de Estado, a Guerra Civil, a ditadura franquista ou o camiño cara á democracia e a Constitución española. En total, inclúense 42.106 documentos que supoñen 1.614.794 imaxes. O obxectivo desta nova categoría é fomentar o coñecemento ao tempo que se facilita o acceso das persoas a todos os documentos e se incentiva a preservación do patrimonio documental.
A creación destes espazos complétase coa habilitación dun grafo de coñecemento, un modelo de representación que permite que se poidan facer consultas dun xeito máis expresivo e próximo ao linguaxe natural. O obxectivo desta ferramenta que se integrará no motor de busca é acadar unha mellor experiencia de navegación ao enlazar os diferentes elementos de Galiciana. Deste xeito, o grafo de coñecemento funcionará como un gran mapa no que se organiza e conecta toda a información dunha determinada parcela de coñecemento.
Estas novas medidas encádranse en Memoria Dixital de Galicia, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego no ano 2016 para garantir que todas as persoas poidan acceder de xeito fácil e universal ao seu patrimonio cultural. Ademais, a súa aplicación senta as bases para avanzar nunha xestión do patrimonio cultural máis accesible e interrogable, abrindo novas posibilidades para a investigación, a educación e o goce do patrimonio cultural galego.
