Nova: A Xunta colabora con máis dunha vintena de intervencións arqueolóxicas promovidas por particulares

11/01/2026

A Xunta colabora con máis dunha vintena de intervencións arqueolóxicas promovidas por particulares

A través destas axudas, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude apoia 15 actuacións na provincia de Pontevedra, cinco na Coruña, tres en Lugo e unha en Ourense

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2026

A Xunta de Galicia publica acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución de axudas para colaborar con particulares na realización de máis dunha vintena de intervencións arqueolóxicas. Trátase dunha convocatoria dirixida aos promotores particulares de calquera tipo de obras que afecten a un monumento, conxunto histórico, zona arqueolóxica ou xacementos catalogados ou inventariados.

Así, a través desta liña de axudas, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora no financiamento dun total de 24 de proxectos arqueolóxicos que se reparten nas catro provincias galegas e que inclúen 15 intervencións en Pontevedra, cinco na Coruña, tres en Lugo, e unha en Ourense.

Tal e como establece a resolución publicada, para acadar estas subvencións, as obras tiveron que ser realizadas de acordo cos requisitos establecidos na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, executadas desde o ano 2017 en diante e finalizaron antes da data de publicación desta orde.

Porcentaxes de financiamento

As axudas promovidas pola Administración autonómica inclúen achegas por persoa e obra que cobren ata o 50 % dos custos da execución do proxecto arqueolóxico autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e co límite de 20.000 euros, no caso de acreditar a presentación e a entrega das correspondentes memorias técnicas e da acta de depósito dos materiais.

A porcentaxe de axudas é do 30 %, co límite de 12.000 euros no caso de que a actuación realizada xa fose subvencionada en anteriores convocatorias, é do 20% se xa foi. E as axudas poden ser do 20 %, co límite de 8.000 euros, no caso da presentación e a entrega tan só dos correspondentes informes valorativos.

Comparte