Nova: López Campos salienta que a declaración BIC da música e o baile tradicionais “recoñece o sentir de Galicia cara a unha das cernas da nosa identidade e cultura”

10/01/2026

López Campos salienta que a declaración BIC da música e o baile tradicionais “recoñece o sentir de Galicia cara a unha das cernas da nosa identidade e cultura”

O Diario Oficial de Galicia publicará o luns este recoñecemento na categoría de patrimonio inmaterial por ser unha das manifestacións máis significativas da Comunidade

O representante de Cultura da Xunta asegura que se salda unha débeda cunhas das “expresións colectivas máis senlleiras e estendidas” entre os nosos bens culturais 

Pon en valor o “papel esencial” das agrupacións e formacións en ter mantido “vivo e prestixiado” este legado dos nosos devanceiros ata a actualidade

Esta protección inclúe medidas de salvagarda para preservar axeitadamente esta herdanza cultural ás xeracións futuras

Crearase un arquivo audiovisual público en rede e introducirase no ensino formal materiais didácticos que fomenten o seu coñecemento

Con esta declaración elévanse a 794 os Ben de Interese Cultural existentes na Comunidade

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou hoxe que a declaración como Ben de Interese Cultura da música e o baile tradicionais “recoñece o sentir de toda Galicia cara a unha das cernas da nosa identidade e cultura”. Fíxoo no acto conmemorativo para festexar esta máxima protección na categoría de patrimonio inmaterial, celebrado no Museo das Peregrinacións e de Santiago, no que participaron e actuaron diferentes colectivos e agrupacións, e ao que tamén asistiron os directores xerais de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, e o de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

Precisamente, o titular de Cultura do Goberno galego agradeceulles ás agrupacións e formacións de música e bailes tradicionais o seu “papel esencial, indispensable e xeneroso” en ter mantido “vivo e prestixiado” este “importante, rico e diverso patrimonio a o longo deste anos”, ao tempo que tamén polas súas “valiosas achegas de cara a enriquecer” o expediente, que se iniciou en novembro de 2024 coa súa incoación. “Detrás deste BIC está tamén o voso inquebrantable compromiso  con este legado”, recoñeceulles.

Precisamente, López Campos anunciou que, tras o visto e prace do Consello da Xunta, tras recibir estas achegas e os informes favorables e motivados sobre o seu valor sobranceiro do Museo do Pobo Galego e o Museo Etnolóxico de Ribadavia, o proceso culminará por completo o luns, día 12, coa publicación do decreto no Diario Oficial de Galicia. Deste xeito, esta declaración elevará a 794 o número de Bens de Interese Cultural existentes en Galicia.

O conselleiro puxo en valor que con esta distinción outórgaselle o máximo nivel de protección a ambos os dous xeitos de expresión, “xa que se recoñece que na tradición cultural galega o baile precisa da música para expresarse polo que é inseparable dela”. “Galicia non se entende  sen a música e os seus bailes tradicionais”, aseverou o representante da Xunta, quen considerou que coa súa declaración de Ben de Interese Cultural, o Goberno galego “salda unha débeda” cunha das “expresións colectivas máis senlleiras e estendidas entre os nosos bens culturais”.

Medidas de salvagarda

Na súa intervención, o representante do Goberno galego explicou que nesta distinción de Ben de Interese Cultural tamén se recollen medidas de salvagarda “para garantir que as vindeiras xeracións manteñan axeitadamente a herdanza cultural e o senlleiro legado patrimonial inmaterial contido na música e o baile tradicionais de Galicia, á vez que para posibilitar a correcta transmisión desta manifestación cultural”.

Deste xeito, avanzou que se propiciará que o sistema universitario galego contribúa o fomento activo da investigación científica e académica sobre o baile e a música tradicional galegas. Ademais, anunciou que tamén se posibilitará que os organismos e as administracións públicas asinen convenios con fundacións, asociacións ou padroados de titularidade privada de cara ao inventario, catalogación, e dixitalización de arquivos sobre material de música e bailes tradicionais. O obxectivo, segundo precisou, é a creación dun arquivo audiovisual público na rede, gratuíto e de libre acceso que conteña este material.

Ademais, apuntou que se solicitará a colaboración do colectivo de docentes de Galicia para a elaboración de materiais didácticos no ensino formal de cara á adquisición de coñecementos básicos de baile e música tradicionais de Galicia.  En canto ao ámbito do ensino non formal, indicou que se solicitará a colaboración das ANPAS e outros colectivos de cara á implantación de actividades extraescolares con estas materias.

Finalmente, explicou que, unha vez transcorridos nove anos desde a desde a declaración deste ben de interese cultural, elaborarase un estudo de actualización que avalíe o estado do ben de interese cultural e o impacto que sobre o mesmo exerceron tanto os procesos contemporáneos como a aplicación destas medidas de salvagarda.

Comparte