Nova: A Xunta destaca o seu respaldo á dinamización comercial das galerías de arte con varias liñas de apoio ao sector
09/01/2026
A Xunta destaca o seu respaldo á dinamización comercial das galerías de arte con varias liñas de apoio ao sector
O delegado territorial, Javier Arias, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitaron a sala lucense `Néboa´, beneficiaria de colaboracións para fomentar a actividade expositiva e para participar en feiras de arte nacionais
Lugo, 9 xaneiro de 2026
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitaron hoxe a galería Néboa, onde se está a ultimar a montaxe da exposición Como atraer la luz y dejarla dentro, do artista valenciano Pablo Quesada en colaboración co colectivo ConTRol, que se inaugurará mañá ás 12,00 horas.
A Xunta apoia a mostra a través do convenio anual coa Asociación de Galerías de Arte de Galicia Contemporánea para contribuír á dinamización comercial do sector. En 2025, este respaldo axudou a exhibir o traballo de seis artistas galegos na sala lucense, que dirixe Alba López.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude renovará este acordo en 2026 para seguir apoiando a actividade expositiva das dez galerías asociadas, repartidas por distintas cidades da comunidade.
Ambos responsables autonómicos resaltaron o papel destes establecementos “na difusión da arte e a dinamización económica da cultura”, así como na “promoción dos artistas galegos dentro e fóra de Galicia”. Así, outra das liñas de axuda que mantén a Xunta co sector vai destinada a cubrir gastos de participación en feiras de arte nacionais e internacionais. No último ano, Néboa beneficiouse desta convocatoria para acudir ás citas ArteSantander e SwabBarcelona.
Ademais, a galería estará presente na feira de arte Investec que se celebra do 20 ao 22 de febreiro en Ciudad del Cabo (Sudáfica), cun proxecto inédito da artista boirense Andrea Davila. A sala lucense participará na sección Tomorrows/Today, adicada a creadores emerxentes e comisariada por Mariella Franzoni. Esta cita internacional reunirá 126 expositores de 34 cidades do mundo, amosando o traballo de máis de 490 artistas.

