Nova: As bibliotecas da Xunta rexistran 289.883 persoas usuarias en 2025, preto de 9.000 máis que o pasado ano
09/01/2026
As bibliotecas da Xunta rexistran 289.883 persoas usuarias en 2025, preto de 9.000 máis que o pasado ano
Visitas comentadas, contacontos, concertos, teatro, sorteo de libros e premios ao lectores máis activos ateigarán estas instalacións mañá sábado e o vindeiro luns para conmemorar o Día das persoas usuarias, que coincide en domingo
O servizo móbil de ‘A Furgoteca’, que percorre 20 concellos das provincias de Lugo e Ourense de menos de 20.000 habitantes, tamén se incorpora a este festexo
Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2026
As bibliotecas da Xunta de Galicia remataron 2025 cunha suba de ata 289.883 do número de carnés de usuarios, o que supón preto de 9.000 máis que o pasado ano. Precisamente, os seus propietarios son os protagonistas das actividades que celebrarán mañá, sábado, e o vindeiro luns, día 12, co gallo do Día das persoas usuarias, efeméride que este ano coincide en domingo. Por estes motivos, a programación repartirase entre estes dous días con visitas comentadas, contacontos, concertos, teatro, sorteos de libros e premios aos lectores máis activos.
Con respecto ao número de persoas usuarias acadadas en 2025, 287.235 destes carnés pertencen á Biblioteca de Galicia e á de Ánxel Casal, en Santiago de Compostela; á Miguel González Garcés, na Coruña; á Pública de Lugo; á de Nós, en Ourense e a de Antonio Odriozola e Juan Compañel, en Pontevedra e Vigo, respectivamente. Mentres, os 2.648 restantes son dos que fan uso da rede de bibliotecas móbiles da Xunta, A furgoteca, que facilita o acceso á lectura, á información e á aprendizaxe en 20 concellos das provincias de Lugo e Ourense, de menos de 20.000 habitantes, que non contaban con este servizo.
Programación para o Día das persoas usuarias
En canto aos festexos polo Día das persoas usuarias, a Biblioteca de Galicia, situada na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, ten previsto o vindeiro luns, día 12, sábado, unha visita guiada ás 12,00 horas para dar a coñecer as súas instalacións e coleccións e amosará os espazos de acceso restrinxido, onde se custodian a maior parte dos seus fondos. Poderase participar previa reserva no enderezo electrónico bibliotecadegalicia@xunta.gal. Ademais, os que se acheguen recibirán un paquete de libros de agasallo.
Na mesma cidade, a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal ofrecerá mañá, sábado, o espectáculo musical e familiar Ecoralia, a lambona ecolóxica, de Pakolas, con entrada libre e de balde ata completar capacidade. Súmaselle a esta programación o Préstamo a cegas, no que cada persoa usuaria escolle unha bolsa de agasallo, cuxo contido só se descubrirá ao abrila.
Pola súa banda, na cidade da Coruña, a Biblioteca Pública Miguel González Garcés fará un recoñecemento aos seus súper lectores e lectoras, en diferentes tramos de idade, aos que lles dará a coñecer o vindeiro luns, día 12, esta distinción. No entanto, poderán ir recollela, xunto cun lote de libros de regalo, ao longo de todo o mes.
Pola contra, en Lugo, a Biblioteca Pública adiantará os festexos a mañá, sábado, e farao agasallando libros aos tres usuarios infantís e os tres adultos con máis préstamos durante o ano 2025.
De igual xeito, a Biblioteca Pública de Ourense Nós tamén celebrará o Día das persoas usuarias este mesmo sábado. A programación dará comezo, ás 11,30 horas, cando se lle outorgue os respectivos agasallos aos lectores e lectoras que máis préstamos realizaron ao longo do pasado ano. A continuación, ás 12 horas, ofrecerase un encontro coas persoas voluntarias da biblioteca, a modo de recoñecemento do seu labor altruísta e colaboración sempre desinteresada.
En Pontevedra, a Biblioteca Pública Antonio Odriozola tamén festexará esta data mañá, ás 10,30 horas, cunha actividade de dinamización teatral, expresión corporal e xogo, dirixido á cativada de entre 4 e seis anos. A actividade é de balde, pero é precisa a inscrición previa no seu enderezo electrónico, biblio.publica.pontevedra@xunta.gal. A continuación, ás 12 horas, levara a cabo o nomeamento dos socios e socias de honra, aos que se lle agasallará cun lote de libros
Pola súa banda, a Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel súmase a este festexo o vindeiro luns, día 12, programando dúas quendas de visitas guiadas, ás 12,00 e ás 18,00 horas. Esta actividade é de balde, pero é precisa a inscrición no seu enderezo electrónico, biblio.publica.vigo@xunta.gal. Completará esta programación o sorteo de libros entre as persoas usuarias que fagan uso dos seus servizos durante esa xornada e o nomeamento de socios de honra ás seis persoas con máis préstamos durante o 2025
‘A Furgoteca’
Finalmente, o servizo de A Furgoteca tamén se sumará a esta celebración con reparto da publicación Cousas que escribín para ti e tamén facendo partícipes as súas persoas usuarias dunha enquisa, que lles vai permitir coñecer o seu perfil, co obxecto de axustar tamén este servizo ás súas inquedanzas e gustos lectores.
