Nova: O festival “Musica con V de Vigo” planifica a súa nova programación co apoio da Xunta tras acadar un “éxito total” de público na anterior edición
08/01/2026
O festival “Musica con V de Vigo” planifica a súa nova programación co apoio da Xunta tras acadar un “éxito total” de público na anterior edición
A delegada territorial, Ana Ortiz, mantivo un encontro co director de Musicav, Javier Ferreiro, para perfilar as liñas dun evento no que “se prioriza a calidade”
Os cinco concertos organizados no Teatro Afundación e no Vitruvia Café venderon todas as entradas e acolleron a máis de 2.000 espectadores
Vigo, 8 de xaneiro de 2026
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, mantivo este xoves un encontro co director do festival “Música con V de Vigo (Musicav)”, Javier Ferreiro, para planificar a súa cuarta edición e facer balance do certamen celebrado o pasado mes de outubro tanto no Teatro Afundación como no Vitruvia Café.
A representante autonómica destacou o “éxito total” do Festival Musicav 2025, que logrou un cheo absoluto nas cinco xornadas programadas, con máis de 2.000 espectadores. Segundo explicou o director artístico, as prioridades foron “a calidade do evento e os prezos ao alcance de todos os públicos”.
Pola súa banda, Ana Ortiz destacou o apoio do Goberno galego a un ciclo que “aposta pola música para todos” e sinalou que “na nosa cidade necesitamos a moita xente como os organizadores do MusicaV para ter eventos de tanta calidade”, apuntou.
O Teatro Afundación e a nova sala de Vitruvia Café, na rúa Reconquista, acolleron a terceira edición confirmando a fórmula exitosa de fusionar música clásica, jazz e cinema nunha experiencia accesible e de alta calidade para todos os públicos.
A delegada territorial engadiu que tras o éxito dos tres primeiras edicións, MusicaV demostrou que “é posible achegar a música de calidade a un público xeral sen necesidade de coñecementos previos”.
