Nova: A Xunta abre mañá o prazo para solicitar 33 bolsas de formación en bibliotecas
08/01/2026
A Xunta abre mañá o prazo para solicitar 33 bolsas de formación en bibliotecas
As persoas seleccionadas comezarán a súa experiencia no segundo semestre do ano cunha estadía máxima de 13 meses
Diversos centros da Rede de Bibliotecas de Galicia acollerán ás persoas bolseiras, que recibirán unha cuantía mensual de 1.010€
O Goberno galego destina preto de medio millón de euros a esta iniciativa que busca impulsar a formación especializada do futuro persoal técnico destes centros e posibilitar unha aprendizaxe máis práctica
Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2026
A Xunta de Galicia abrirá mañá o prazo de solicitudes para as 33 bolsas de formación que se levarán a cabo nas bibliotecas. Así se recolle na convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia na que se especifica que as persoas interesadas deberán enviar as súas solicitudes a través da sede electrónica.
Así, unha vez completado o proceso, as persoas bolseiras que sexan seleccionadas comezarán a súa experiencia ao longo do segundo semestre do ano e recibirán unha cuantía mensual de 1.010€. Cómpre lembrar que as persoas interesadas en participar deberán cumprir cos requisitos recollidos na convocatoria entre os que se inclúe a formación académica, o coñecemento da lingua galega ou non ter participado nestas mesmas bolsas con anterioridade.
O obxectivo desta iniciativa, á que o Goberno galego destina preto de medio millón de euros, é impulsar a formación especializada do futuro persoal técnico dos centros ao tempo que se posibilita a súa aprendizaxe desde unha perspectiva máis práctica. Para iso, convócanse 33 prazas en diversos centros da Rede de Bibliotecas de Galicia. A estadía permitirá que as persoas participantes poidan afondar nas técnicas de uso e tratamento dos fondos bibliográficos, na atención aos usuarios e na planificación, xestión e execución dos distintos servizos bibliotecarios.
Estas bolsas, cun prazo máximo de 13 meses, poderán desenvolverse na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura; na Ánxel Casal de Santiago de Compostela, na Miguel González Garcés da Coruña, na de Lugo, na Nós de Ourense, na Antonio Odriozola de Pontevedra, na Juan Compañel de Vigo ou na Biblioteca Pública Central de Ferrol.
