Nova: López Campos enxalza “o consenso e unión entre todos os galegos” ao redor da figura de Castelao, ao que erixe como “símbolo universal de Galicia”

07/01/2026

López Campos enxalza “o consenso e unión entre todos os galegos” ao redor da figura de Castelao, ao que erixe como “símbolo universal de Galicia”

Destaca que a declaración da Xunta do ‘Ano Castelao’ permitiu unha maior proxección do seu legado e da cultura galega a través dunha “ampla programación”

Empraza a institucións e sociedade a sumarse á celebración do ‘Ano Oteriano’, “outro referente esencial das letras, o pensamento e identidade galega contemporánea”

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2026

O conselleiro de Cultura,  Lingua e Xuventude, José López Campos, erixiu hoxe a Castelao como figura de “consenso e unión entre todos os galegos e galegas e símbolo universal de Galicia”. Fíxoo durante a súa participación no acto de homenaxe polo 76 aniversario do pasamento do intelectual galeguista no Panteón das Galegas e Galegos Ilustres.

Na súa intervención, o responsable de Cultura do Goberno galego lembrou que a Xunta declarou 2025 como Ano Castelao ante o “consenso sobre a súa relevancia na cultura e políticas galegas”. Neste senso, erixiuno como “un dos persoeiros máis coñecidos e recoñecidos por todos os galegos e galegas” que é capaz de “convocar sempre e  unir a todos”. 

Por iso, puxo en valor que o pobo galego lle teña outorgado “a máxima estima” polo “valioso legado intelectual, político e cultural, onde se significou especialmente pola súa férrea defensa do galego”. Ao respecto, incidiu no papel que xogan as novas xeracións, ás que lle atribuíu ser “continuadores naturais das súas importantes achegas”.

Por estes motivos, considerou “totalmente apropiado” enxalzar a Castelao como ese “referente que nos une para os significativos pasos que estamos a dar desde o  Executivo galego de cara a acadar un maior pulo e prestixio do noso idioma”, argumentou.

Maior proxección da súa figura co ‘Ano Castelao’

En canto ao Ano Castelao que acaba de concluír, o conselleiro salientou que a “ampla e completa programación” que levou a cabo a Xunta durante todo o 2025 permitiu “unha maior proxección da súa figura, o seu legado e tamén da nosa cultura e lingua”. Deste xeito, fixo fincapé nos diferentes tipos de actividades polos centros escolares ou a publicación do audiolibro Retrincos. Un ollo de vidro.

De igual forma, explicou que, entre as variadas propostas para festexar o Ano Castelo, tamén se incluíu, a dixitalización, en colaboración co Instituto Padre Sarmiento, de toda a documentación descuberta sobre o proceso de aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936, no que Castelao foi un dos partícipes directos.

Ademais, López Campos destacou o éxito da experiencia interactiva Castelao. Mirar por Galicia, que aínda se pode visitar na Cidade da Cultura ata o 11 de xaneiro, ”e que xa recibiu máis de 34.000 persoas interesadas tanto en mergullarse nas súas facianas persoal, artístico e político, como en coñecer a abraiante recreación virtual realizada con Intelixencia Artificial do intelectual”.

Entre as accións desta efeméride, puxo en valor a proxección internacional da súa figura con programación específica en Bos Aires, cidade na que Castelao pasou os dez últimos anos da súa vida, que se completou con outras na cidade estadounidense de Nova York, e que se estendeu con diverso tipo de actividades no Brasil, Alemaña ou Hungría abordando a vida e obra do rianxeiro desde moi diferentes perspectivas e propostas.

‘Ano Oteriano’

Finalmente, o titular de Cultura da Xunta referiuse á celebración este 2026 do Ano Oteriano, acordado por unanimidade no Parlamento de Galicia, para emprazar a todas as institucións, organismos e sociedades galegas a participar nos actos que se desenvolverán durante estes meses ao redor “doutro referente esencial, como Castelao, das letras, o pensamento e identidade galega contemporánea”. 

Comparte