Nova: A Filmoteca de Galicia abre 2026 con Iván Castiñeiras, cinema libanés e As Fitas de Rudy Burckhardt
06/01/2026
A Filmoteca de Galicia abre 2026 con Iván Castiñeiras, cinema libanés e As Fitas de Rudy Burckhardt
O cineasta galego presenta este xoves a longametraxe ‘Deuses de pedra’ como parte dun especial que inclúe tres curtas e unha peza interactiva
A directora libanesa afincada en Galicia Feyrouz Serhal é a comisaria dun ciclo de 10 sesións arredor do cinema do seu país, que arranca o día 13 coa súa película ‘Maroun regresa a Beirut’
O cineasta e fotógrafo suízo-estadounidense Rudy Burckhardt protagoniza unha escolma de 27 curtas en 16 mm
A Coruña, 6 de xaneiro de 2025
A Filmoteca de Galicia abre a programación de 2026 cunha carteleira mensual que reúne un repaso pola obra do galego Iván Castiñeiras, o ciclo comisariado pola directora libanesa Feyrouz Serhal arredor do cinema do seu país e a retrospectiva dedicada ao cineasta e fotógrafo suízo-estadounidense Rudy Burckhardt, xunto con novas propostas das seccións Fóra de serie, Off Galicia Filmoteca Jr. e Compartir o cinema.
A cinemateca da Xunta de Galicia retoma a súa actividade mañá día 7 cunha primeira sesión ás 18,00 h, na que Antón Taboada presenta a súa mediometraxe O arqueólogo, sobre a vida e o proceso creativo do escultor francés, residente na Coruña, Emile Gireau. Tamén mañá, ás 20,30 h., proxectarase a fita Navidad en Miller’s Point, do estadounidense Tyler Taormina.
Iván Castiñeiras protagoniza o primeiro do ciclos de xaneiro, que revisa o itinerario creativo iniciado en 2012 coa curtametraxe A Raia, rodada en 16 mm e recoñecida no circuíto de festivais pola súa mirada cálida e artesanal sobre un rural en proceso de abandono.
O propio director estará na sede da Filmoteca na Coruña para presentar o xoves 8 a longametraxe Deuses de pedra, producida cunha das subvencións do Goberno galego para a promoción do talento audiovisual e estreada hai un ano no festival de Rotterdam. O especial inclúe outras dúas sesións o día 9 coa devandita A Raia e Où est la jungle? e o día 10 con Trajectory Drift e Path of Shadows, obras nas que o cineasta afonda en retratos humanos sutís e en asuntos como a migración e a etnografía, nunha etapa ligada tamén á súa formación no centro francés Le Fresnoy e ao seu traballo como director de fotografía en producións europeas.
Beirut como fío condutor
Pola súa banda, a directora libanesa Feyrouz Serhal, afincada en Galicia, é a comisaria do ciclo De xasmín e cascallos: cinema desde o Líbano, que do 13 de xaneiro ao 6 de febreiro lle achegará ao público un percorrido cinematográfico pola complexidade do país nestes últimos 50 anos. O punto de partida será Maroun regresa a Beirut, da propia Serhal, que recupera a figura do cineasta Maroun Baghdadi e converte os seus filmes nun mapa emocional e político da capital libanesa.
O itinerario inclúe oito longametraxes (catro documentais e catro de ficción) e catro curtas producidas entre 1975 e 2020, con tres obras de Baghdadi como columna vertebral: Beirut, Oh Beirut (día 14), We Are All for the Fatherland (día 16) e Little Wars (día 20).
Vangarda en 16 mm
A Sala José Sellier acollerá entre o 22 e o 24 de xaneiro Cidades pastorais: o cinema de Rudy Burckhardt, composto por 27 curtametraxes en 16 mm. Distribuídas en catro sesións que serán presentadas polos comisarios do ciclo, Francisco Algarín e Carlos Saldaña, estas pezas propoñen unha ollada sobre a cidade e o cotián que combina rexistro, xogo e observación, a través dunha selección que inclúe colaboracións como Night Fantasies, xunto a Yvonne Jacquette, e What Mozart Saw on Mulberry Street, xunto a Joseph Cornell.
Dentro da sección Fóra de serie, en xaneiro a Filmoteca volverá recibir a directora Lucía Seles para un novo pase de Gallega invernal (día 9), ademais de ofrecer filmes de Tyler Taormina, Emmanuel Mouret e Boris Lojkine.
Presentacións da sección Off Galicia
Xunto coa xa mencionada O arqueólogo, o apartado Off Galicia programa este mes as presentacións do documental 360 curvas (día 29), de Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández, e da webserie Gastón, un actor de mierda (día 31), con Mateo Franco.
A carteleira mensual complétase cunha nova proposta familiar de Filmoteca Jr., que o día 17 proxectará Dunia y otros cuentos del mundo, e novas entregas do especial Compartir o cinema. 20 anos de ‘Cinema en curso’, dentro do que o día 29 se exhibe Los cuatrocientos golpes, de François Truffaut, e o día 30 Yuki & Nina, de Nobuhiro Suwa e Hippolyte Girardot, cun coloquio en liña desde Tokio co director xaponés.

