Nova: López Campos lembra “a fonda pegada na nosa identidade” de Valle-Inclán e Díaz Pardo no aniversario dos seus pasamentos
05/01/2026
López Campos lembra “a fonda pegada na nosa identidade” de Valle-Inclán e Díaz Pardo no aniversario dos seus pasamentos
Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na ofrenda floral levada a cabo no cemiterio compostelán de Boisaca na honra de “dúas figuras ilustres da nosa cultura como son Ramón María del Valle-Inclán e Isaac Díaz Pardo”, lembrando así un ano máis nesta data os aniversarios dos seus pasamentos, 90 anos e 14, respectivamente.
Así, xunto con membros doutras institucións e do mundo cultura, o representante da Xunta de Galicia incidiu en que “sempre debemos ter presente a pegada que deixaron na nosa identidade persoeiros como os que hoxe homenaxeamos”. É por iso, puntualizou, que “ademais de lembrar datas sinaladas con actos como este, tamén celebramos o legado das nosas figuras históricas con amplas programacións como o Ano Castelao que rematamos en decembro ou o Ano Oteriano que comezamos neste 2026”.

