Nova: A Xunta despide a exposición de arte dixital ‘Castelao. Mirar por Galicia’ que chega á súa derradeira semana na Cidade da Cultura superando as 34.000 visitas

04/01/2026

A Xunta despide a exposición de arte dixital ‘Castelao. Mirar por Galicia’ que chega á súa derradeira semana na Cidade da Cultura superando as 34.000 visitas

A mostra, que pecha as súas portas o domingo 11 de xaneiro, representa a experiencia tecnolóxico-cultural máis ambiciosa, ata o momento, sobre esta figura

O Museo Gaiás programa unha actividade especial conducida polo asesor histórico da exposición e presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane 

O proxecto encádrase na programación despregada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con motivo do ‘Ano Castelao’, celebrado en 2025

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2026

A exposición de arte dixital Castelao. Mirar por Galicia despídese da Cidade da Cultura o vindeiro domingo 11 de xaneiro superando xa as 34.000 visitas. Organizada pola Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación Castelao, a mostra representa a experiencia tecnolóxico-cultural máis avanzada ata o momento ao redor desta figura. Trátase dun percorrido que emprega tecnoloxías como intelixencia artificial, realidade virtual ou videomapping para afondar o devir persoal, literario, artístico e político dunha das figuras máis senlleiras da Comunidade. 

Enmarcada na programación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con motivo do Ano Castelao, celebrado en 2025, trátase dunha experiencia inmersiva e divulgativa, que aposta por un uso ético e rigoroso das novas tecnoloxías de IA. O percorrido expositivo permite achegar ao gran público unha visión anovadora da traxectoria vital de Castelao, restaurando fotografías históricas e permitindo recrear a súa imaxe e ata a súa voz, da que se conserva un único rexistro sonoro, gravado na Arxentina en 1941. 

Castelao. Mirar por Galicia conta coa dirección artística de Carlos Seijo, co-fundador do estudio galego Maxina e responsable das animacións e produción dixital desta proposta, e coa asesoría histórica do presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane, considerado un dos maiores especialistas na biografía, obra e achegas da figura do intelectual de Rianxo. 

Será precisamente Seixas Seoane o encargado de conducir unha conferencia e visita especial á exposición que o Museo Centro Gaiás programa o vindeiro sábado 10 de xaneiro, como colofón a este proxecto de arte dixital inaugurado o pasado mes de xuño. A información sobre esta actividade, que contará con entrada de balde previa reserva de praza, publicarase nos próximos días na web da Cidade da Cultura de Galicia.

Historiador galego nado en Arzúa en 1960, Seixas Seoane foi comisario de diversas exposicións dedicadas a Castelao, entre elas Castelao maxistral na Cidade da Cultura, así como responsable da catalogación da súa obra artística entre 2008 e 2009.

Cultura inclusiva e accesible

En liña cos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, Castelao. Mirar por Galicia incorporou un abano de medidas para achegar esta proposta cultural, sen barreiras, a todo tipo de públicos. Desde contidos en lingua de signos e bucle magnético (dispoñible no mostrador de acceso do Museo Centro Gaiás) a textos en formato de lectura fácil. 

A mostra contou ademais cun amplo programa de visitas, tanto enfocadas a público xeral como adaptadas a grupos escolares, para achegala de xeito transversal a toda a cidadanía.

Comparte