Nova: A Xunta despide o ‘Ano Castelao’ cunha exposición na Biblioteca de Galicia para homenaxear as mulleres que influenciaron a súa vida
02/01/2026
A Xunta despide o ‘Ano Castelao’ cunha exposición na Biblioteca de Galicia para homenaxear as mulleres que influenciaron a súa vida
A mostra trata de amosar a figura de Castelao a través das persoas que o acompañaron no seu devir artístico, político e persoal
A nai, Joaquina Castelao; a muller, Virxinia Pereira; a irmá, Teresa; a actriz Maruxa Villanueva, e mesmo a tradutora e suposta colaboradora cos servizos de intelixencia estadounidenses, María Docampo, son os personaxes que explora este percorrido
Aberta ata finais de xaneiro, está conformada por unha trintena de fotografías, debuxos, libros e recortes de prensa procedentes dos fondos da Biblioteca de Galicia
Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2026
A Biblioteca de Galicia mantén aberta a exposición As mulleres de Castelao, coa que a Xunta de Galicia despide o ano no que se homenaxeou o intelectual de Rianxo. Trátase dunha mostra que pretende achegar unha visión sobre o persoeiro a través de persoas que o acompañaron no seu devir artístico, político e persoal. Deste xeito, abrangue desde persoas do seu círculo familiar máis próximo ata a recoñecida artista Maruxa Villanueva ou María Docampo, que foi a súa tradutora en Nova York.
A mostra, que poderá visitarse ata finais de xaneiro de 2026, comeza explorando a presenza da nai, Joaquina Castelao, a través de fotos familiares que se complementan con documentos da infancia de Daniel e debuxos que representan a influencia materna. A segunda vitrina abrangue a Virxinia Pereira, muller e compañeira inseparable do artista ata a súa morte, centrándose na dimensión máis íntima de Castelao. A terceira pon o foco na súa irmá Teresa, encargada de conservar a súa memoria e facer fronte ás vicisitudes legais que afectaron aos dereitos de autor da súa obra.
Unha suposta informante da CIA
A exposición, comisariada polo técnico da Biblioteca de Galicia Fernando Racamán Solla, tamén recupera a traxectoria de María Docampo, quen exerceu como tradutora de Castelao durante a súa estancia en Nova York en 1938. Diversas fontes académicas apuntan á posibilidade de que Docampo actuase como informante dos servizos de intelixencia dos Estados Unidos, no contexto do seguimento da actividade política de Castelao por parte das autoridades norteamericanas.
A artista que levou ás táboas a Castelao
A última vitrina da mostra está dedicada a Maruxa Villanueva, unha recoñecida artista que traballou arreo no exilio para enxalzar a cultura galega. Durante a súa estancia en Buenos Aires, trabou amizade con Castelao e levou aos escenarios a súa obra Os vellos non deben namorarse. Ao regresar a Galicia, a pesar das dificultades, continuou exercendo o seu labor cultural, centrando boa parte do seu traballo arredor de Rosalía de Castro e colaborando activamente na Casa Museo da escritora. Ao longo da súa vida recibiu numerosos recoñecementos, entre eles a Medalla Castelao e, de xeito póstumo, o premio María Casares de teatro.
Imaxe gráfica de Alba Casanova
A imaxe gráfica desta mostra corre a cargo da ilustradora viguesa Alba Casanova. Cunha forte pegada persoal e conceptual, empregando as linguaxes do debuxo, a fotografía e o colaxe, a interpretación de Alba das mulleres presentes na vida de Castelao aparece reflectida como as mans que o sostiveron, acompañadas de múltiples pistas que nos achegan ao periplo vital deste rianxeiro universal.



