Nova: A Xunta aproba a integración do Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia, en Narón, no Sistema galego de museos

29/12/2025

A Xunta aproba a integración do Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia, en Narón, no Sistema galego de museos

  • O Consello dá o visto e prace ao acordo para a creación e cualificación deste espazo, de titularidade municipal, como centro de interpretación do patrimonio cultural
  • Únese deste xeito aos 96 espazos recoñecidos pola Lei ata o de agora, que distingue outros tres centros de interpretación, 70 museos e 23 coleccións
  • Valórase a súa significación como testemuño das actividades industrias en Galicia, narrando a historia do lugar vencellada a este complexo
  • Trátase dun proxecto museográfico que, ademais de recuperar unha peza de importancia etnolóxica, tamén conta cun percorrido polo seu contexto histórico

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde ao acordo para a creación e cualificación do Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia, xestionado polo Concello de Narón, que pasa así a integrarse no Sistema galego de centros museísticos tendo en conta a súa contribución a difundir e poñer en valor un testemuño significativo da evolución das actividades industriais en Galicia.

Deste xeito, esta nova incorporación súmase á rede de 96 espazos recoñecidos ata o de agora, entre os que se atopan outros tres centros de interpretación do patrimonio cultural: o da Fundación Legar en Quiroga, o da Torre de Hércules, na Coruña, e o do Muíño do Pan de Baamonde. A eles únense 23 coleccións rexistradas (aquelas que cumpren con criterios museográficos sen chegar reunir os requisitos propios para funcionar como un museo) e 70 museos, completando deste xeito as tres categorías contempladas pola Lei de Museos 7/2021.

Así, o complexo dos muíños de Xuvia gozará do recoñecemento que supón estar baixo o paraugas deste sistema, contando coa garantía de que cumpre con todos os requisitos en canto a instalacións, horarios de apertura, seguridade e plan museolóxico, o documento que recolle todos os programas necesarios para o desenvolvemento do centro a nivel organizativo, expositivo e de difusión, podendo, ademais, acceder a convocatorias de axudas específicas para museos, entre outras vantaxes.

O Goberno galego considerou que se trata dun espazo que pon en valor o legado patrimonial dos muíños a través dun conxunto de edificacións restauradas nas que, máis alá da recuperación dunha peza de valor etnolóxico, se narra a historia ligada ao lugar e aos procesos industriais. Neste senso, cómpre destacar que os muíños hidráulicos foron claves na industrialización en Galicia durante a Ilustración e de grande importancia para a subsistencia das comunidades e as economías locais.

As instalacións permiten así facer un percorrido polo seu contexto histórico facilitando a súa compresión a través de maquetas, réplicas, escenografías ou pantallas táctiles, ademais de diversos textos e imaxes.

Un antigo complexo fabril

O Centro de Interpretación dos Muíños de Xuvia créase nun antigo complexo fabril do século XVIII construído polo francés Juan Lestache en 1775 sobre o río Xuvia, concretamente na aldea de San Roque e nunha zona verde de gran riqueza paisaxística, para dar cabida ás antigas fábricas de fariña. O edificio, de grande interese histórico e etnográfico, foi rehabilitado e convertido neste centro cultural polo Concello de Narón.

O proxecto museográfico divídese en varios espazos ao longo do complexo, aproveitando o inmoble dos muíños, o antigo almacén e a que fora habitación e despacho da familia propietaria. Así, conta cunha zona na que se introduce o contexto histórico e diferentes módulos explicativos sobre a figura do empresario creador da fábrica. Inclúe, ademais, unha exposición permanente dirixida a comprender o aproveitamento das forzas da natureza a través de enxeños mecánicos para a obtención de fariñas. A isto súmase o espazo estrela, a sala dos muíños, que conserva as estruturas industriais do momento. O equipamento complétase cunha sala de cultura dedicada ás figuras dos empresarios franceses desembarcados na comarca.

Comparte