Nova: A Xunta lanza unha nova convocatoria dos premios de escrita dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde
28/12/2025
A Xunta lanza unha nova convocatoria dos premios de escrita dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde
Cunha dotación global de 26.000 euros, o que se busca é incentivar a creación literaria en galego no eido teatral e contribuír a conformar un repertorio amplo de obras actuais
As bases publicadas no Diario Oficial de Galicia renomean algúns dos galardóns para facer un especial chamamento a pezas dirixidas á mocidade
O prazo de presentación de orixinais permanecerá aberto ata o 30 de abril de 2026
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2025
A Xunta de Galicia abriu o prazo de presentación de orixinais para optar ás novas edicións dos tres premios de literatura dramática que convoca con periodicidade bienal a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e cunha dotación global de 26.000 euros. Trátase do XXVIII Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o XIV Manuel María de literatura dramática infantil e xuvenil e o XVII Barriga Verde de textos para teatro de monicreques nas súas dúas modalidades: para a infancia e a mocidade e para persoas adultas.
Os galardóns, que modifican a súa denominación oficial para facer un especial chamamento á escrita de prezas dirixidas á xuventude, teñen como obxectivo común servir de estímulo á creación literaria galega no eido dramático, así como procurarlle un maior recoñecemento e proxección social e contribuír a conformar un repertorio amplo de obras actuais que poidan ser levadas ás táboas.
Ademais das contías económicas (8.000 euros para o Álvaro Cunqueiro e 6.000 para o Manuel María e para cada unha das dúas modalidades do Barriga Verde), as bases publicadas o pasado 26 de decembro no Diario Oficial de Galicia establecen a posibilidade de que as obras gañadoras sexan editadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén con diferentes empresas galegas. A estes efectos, resérvanse os dereitos de edición ou coedición durante un período de dous anos desde a resolución da convocatoria.
Textos orixinais, inéditos e non representados
Poden optar a estes galardóns aquelas persoas físicas maiores de idade que participen con textos teatrais inéditos, escritos en galego normativo e non representados nin premiados noutros certames. As persoas gañadoras da pasada edición non poderán presentarse ao mesmo premio ou modalidade na que resultaron galardoadas. O prazo de presentación de orixinais permanecerá aberto ata o 30 de abril de 2026.
Nos tres casos, o tema e a extensión poderán ser libres, aínda que se deberá ter en conta o principio de duración normal dun espectáculo teatral. Para o Álvaro Cunqueiro e o Manuel María, quedan excluídos os textos para teatro de monicreques.
Un xurado formado por seis persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico será o encargado da valoración de todos os textos recibidos no prazo e forma indicados, preferiblemente a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia. O seu ditame farase público antes do 10 de decembro de 2026 e, para emitilo, teranse en conta aspectos relacionados coas calidades literaria e dramática, a potencialidade escénica, o coidado da lingua e a adecuación á especificidade de cada premio.
Na anterior edición, o premio Álvaro Cunqueiro recaeu en Incidencia muller pedra, de AveLIna Pérez; en tanto que Carlos Labraña resultou dobremente galardoado ao acadar o XIII Manuel María con O carteiro de Ximaraos e o Barriga Verde na modalidade para adultos con O Faro. Pola súa banda, Andrea Cid Freire foi a gañadora do Barriga Verde infantil coa peza Manchea. Os catro títulos están publicados nas respectivas coleccións de Edicións Xerais de Galicia e de Baía Edicións e poden adquirirse tanto a través da Libraría Institucional da Xunta de Galicia como nos principais puntos físicos de venda.
