Nova: A Xunta inviste 870.000 euros en axudas para crear durante 2026 novos espectáculos galegos de teatro, danza, circo e maxia
27/12/2025
A Xunta inviste 870.000 euros en axudas para crear durante 2026 novos espectáculos galegos de teatro, danza, circo e maxia
A convocatoria, publicada no DOG o 23 de decembro, mantén a dotación económica para esta liña de apoio ao sector, que experimentara en 2025 un incremento do 8,7% respecto a 2024
Continúa a reserva de 300.000 euros para subvencionar os proxectos plurianuais de ata tres compañías que acrediten unha década de traxectoria
A convocatoria destina 400.000 euros para a produción de teatro, circo e maxia, 100.000 para danza e artes do movemento e 70.000 para traballos de empresas de nova creación
Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2025
A Xunta de Galicia investirá o vindeiro ano 870.000 euros na produción de novos espectáculos de teatro, danza, circo e maxia por parte de compañías profesionais galegas, tal como se recolle no texto da convocatoria de 2026 para a creación escénica publicadas no Diario Oficial de Galicia o pasado 23 de decembro. Esta liña de apoio mantén a mesma dotación económica consignada para o presente 2025, ano no que experimentara un incremento do 8,7% respecto a 2024 para favorecer especialmente os proxectos plurianuais das empresas con máis ampla traxectoria, circunstancia que tamén continúa nas novas bases.
Así, a modalidade cuarta destas axudas volverá contar con 300.000 euros, 100.000 máis que en 2024, para potenciar o traballo a medio prazo e a continuidade dos equipos e traballos de compañías cun funcionamento de cando menos 10 anos de antigüidade e cunha solidez acreditada. Deste xeito, poderán subvencionarse ata tres proxectos que se desenvolvan para o trienio 2026-2028 cun máximo de 100.000 euros para cada un e cun límite do 80% sobre o orzamento subvencionable.
Máis liñas de apoio á escena galega
A de creación escénica é a principal das liñas de subvención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ao sector galego das artes escénicas, que en 2026 tamén contará con convocatorias específicas para a programación das salas privadas (actualmente xa en trámite de adxudicación), para a organización de festivais do sector (en prazo de presentación ata o 2 de xaneiro), para a distribución de espectáculos e para a contratación de compañías galegas mediante o programa Cultura no Camiño, de próxima publicación.
Os 870.000 euros adxudicados este ano contribuíron a levar ás táboas 30 novas montaxes (19 de teatro, sete de danza e catro de circo) a cargo tanto de compañías xa referenciais no panorama escénico galego como de artistas individuais emerxentes e de colectivos de recente fundación. Pola súa banda, as compañías beneficiarias na categoría de proxectos plurianuais en 2025 foron Redrum Producións para os espectáculos Caídas e Nas nubes, Producións Teatrais Talía para as montaxes Artur Ui e Mariola, e a recente Premio Nacional de Circo Pistacatro Produtora de Soños para as propostas Alto voltaxe, Novos horizontes, Variedades Pistacatro e Mímica Maestro.
Outros títulos subvencionados en 2025 foron, por exemplo, Bioconstrución, de Ibuprofeno Teatro; Os dous de sempre, de Mofa e Befa; A metamorfose, a cargo de Sarabela Teatro; Manual de patronaxe, de Teatro do Noroeste; O libro da selva, de Ártika Cía.; Bibopalula, de Ainé; Riazor Ostia, de Os Naúfragos Teatro; Primus Inter Partes, de Teatro Ensalle; Familia Nijinska, de VACAburra; Brazaletes, de Amorodio Teatro, ou A cámara escura, de Vórtice Escénico,
Impulso á danza e a artistas emerxentes
Os outros tres grandes apartados previstos nas bases refírense a espectáculos de empresas de nova creación (modalidade 1), ao ámbito do teatro, novo circo e maxia (modalidade 2) e ao eido da danza e as artes do movemento (modalidade 3).
Na categoría para produción de teatro, circo e maxia, seguen a reservarse 400.000 euros para apoiar novas propostas, que poden acadar axudas de ata un 75% do seu orzamento, cun límite de 60.000 euros por espectáculo. Outros 100.000 euros están destinados a montaxes de danza e artes do movemento, tamén ata o 75% e cun máximo fixado en 37.500 euros. Para os proxectos de empresas de nova creación, a convocatoria destina unha partida de 70.000 euros cun límite de 20.000 euros por adxudicación e ata un apoio máximo do 90% sobre o orzamento presentado.
As compañías e artistas interesados en optar a estas subvencións, que se outorgarán por concorrencia competitiva, teñen ata o vindeiro 22 de xaneiro para presentar as súas solicitudes.

