Nova: A Xunta incrementa ata os 310.000 euros a dotación das subvencións de 2026 para festivais audiovisuais galegos

25/12/2025

A Xunta incrementa ata os 310.000 euros a dotación das subvencións de 2026 para festivais audiovisuais galegos

O Diario Oficial de Galicia publicou as bases da convocatoria, aplicables a eventos de carácter profesional cunha duración mínima de catro xornadas e que teñan realizado tres edicións nos anos inmediatamente anteriores   

Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2025

A Xunta de Galicia dota a liña de subvencións destinada en 2026 a festivais do sector audiovisual con 310.000 euros, un 3,3% máis que o presente ano 2025, o que supón a continuidade na tendencia ascendente que esta vía de apoio vén experimentando desde a súa creación en 2014.

Así, conforme ás bases publicadas o 22 de decembro no Diario Oficial de Galicia, poden solicitar estas subvencións tanto persoas físicas e xurídicas privadas como entidades locais organizadoras de festivais, certames, semanas ou mostras cunha duración mínima de catro xornadas e, cando menos, 20 proxeccións, ademais de ter realizado un mínimo de tres edicións consecutivas nos anos inmediatamente anteriores, entre outros requisitos.

Neste senso, a través desta convocatoria, o Goberno galego contribúe á estabilidade do circuíto galego de certames cinematográficos de carácter profesional que, polas súas características, teñen un interese estratéxico para o sector, como sucede nos últimos anos o Play-Doc de Tui, o Festival de Cans, (S8) e Intersección da Coruña, FICBueu ou Novos Cinemas de Pontevedra, entre outros encontros. As citas subvencionadas dan conta dunha gran variedade na súa especialización en xéneros e formatos, ademais do seu destacado labor como altofalantes para a máis recente produción galega e os seus profesionais.

Ademais, para favorecer a difusión da produción galega, tamén se fai referencia a que a proposta de programación debe conter un cinco por cento de títulos ou cinco sesións de produción cinematográfica e/ou dirección galegas.

Establécese unha achega máxima de 50.000 euros por proxecto, cun límite do 30% do orzamento subvencionable cando a solicitante sexa unha entidade local e do 50% se é unha entidade privada. Esta porcentaxe ascende ao 75% no caso das entidades locais conxuntas ou resultantes de fusión.

As solicitudes das persoas ou entidades interesadas deberán presentarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ata o vindeiro 22 de xaneiro de 2026.

Comparte