Nova: A Xunta abre a convocatoria para impulsar actividades nas bibliotecas públicas ao abeiro do programa ‘Ler conta moito’
23/12/2025
A Xunta abre a convocatoria para impulsar actividades nas bibliotecas públicas ao abeiro do programa ‘Ler conta moito’
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases para que as entidades locais, titulares destes equipamentos, soliciten as subvencións para acceder ás propostas que se inclúen no catálogo desta iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2025
A Xunta abre a convocatoria para que aquelas entidades locais que sexan titulares de bibliotecas públicas ou axencias de lectura, integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia, soliciten as subvencións destinadas á realización de actividades de dinamización nestes espazos.
Así, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases para acceder ao programa Ler conta moito, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que ten como obxectivo animar á lectura a través da programación de propostas atractivas, vencelledas aos intereses dos distintos colectivos, e que faciliten o achegamento aos espazos bibliotecarios.
Con este programa preténdese fortalecer o papel das bibliotecas como espazo de relación, aberto e participativo, e como axente facilitador da aprendizaxe permanente; promover o desenvolvemento cultural como vehículo para o crecemento persoal e colectivo; valorar o libro e fomentar a lectura como elemento de transmisión de coñecemento e de reflexión, e consolidar a programación compartida da rede bibliotecaria coa renovación permanente de propostas de calidade.
As actividades estarán dirixidas a potenciar a imaxe das bibliotecas e fomentar o acceso igualitario á cultura promovendo a lectura, a escritura ou a creación artística, así como o pensamento crítico, a innovación e a creatividade. Neste senso, as categorías dos proxectos aos que poderán optar estes equipamentos públicos estarán relacionados con obradoiros, tales como os dirixidos á escritura, ilustración ou tecnoloxía, entre outras modalidades; coa narración oral, incluíndo contacontos, lecturas en voz alta ou recitais; coa divulgación do coñecemento, a nivel científico, social ou cultural; co audiovisual, abranguendo proxeccións, audicións ou ciclos de cine e música; coa creación de contidos dixitais; coas artes escénicas, como a música, o teatro ou a danza; con exposicións de moi diversas temáticas, ou con rutas e itinerarios guiados por escenarios literarios ou espazos de interese cultural.
Cómpre lembrar, neste contexto, que a semana pasada abriuse o prazo para que aquelas persoas físicas ou xurídicas dedicadas á dinamización cultural se inscriban no catálogo Ler Conta Moito 2026 para incorporar as súas propostas a este programa de maneira que poidan ser seleccionadas polas bibliotecas na súa oferta cultural.