Nova: A Xunta creará en 2026 unha nova figura para recoñecer os itinerarios culturais de interese autonómico
23/12/2025
A Xunta creará en 2026 unha nova figura para recoñecer os itinerarios culturais de interese autonómico
A tipoloxía busca recoñecer rutas que, sen contar cos criterios esixidos para ser Camiño de Santiago, reúnen os requisitos necesarios para contar cunha especial atención por parte das administracións
“Trátase de trazados de especial relevancia para a difusión e promoción da nosa cultura e identidade en todo o territorio”
A medida dá resposta ás demandas de concellos, asociacións e entidades que desenvolveron un amplo traballo de documentación para dar a coñecer percorridos singulares
Esta categoría desenvolverase posteriormente cun decreto que fixará os criterios e as medidas específicas de protección, divulgación e apoio
Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2025
A Xunta de Galicia creará no ano 2026 unha nova figura para recoñecer os itinerarios culturais de interese autonómico. Así o explicou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha reunión con representantes municipais das catro provincias na que estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes.
Así, tal e como precisou o responsable autonómico de Cultura no encontro, entre os obxectivos desta nova tipoloxía está recoñecer rutas que, sen contar cos criterios esixidos pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia para ser declarados Camiño de Santiago, “si reúnen os requisitos necesarios para ser considerados relevantes e contar cunha especial atención por parte das administracións públicas”. “Trátase de trazados que conectan a nosa historia, tradición e patrimonio e que contan cunha especial relevancia para a difusión da nosa cultura e identidade en todo o territorio”, apuntou López Campos.
Neste senso, o conselleiro precisou que esta é unha medida que dá resposta ás demandas “daqueles concellos, asociacións e entidades que ao longo dos últimos anos desenvolveron un amplo traballo de documentación para dar a coñecer percorridos singulares”. Así, coa creación desta categoría o que se pretende é poñer en valor aqueles trazados que promoven e divulgan a cultura, o desenvolvemento sustentable e a cohesión en diferentes puntos do territorio, nomeadamente en aqueles que se atopan en risco de exclusión cultural polas súas condicións xeográficas e sociais. É o caso, tal e como precisou, dos camiños da Geira ou dos Arrieiros, o de Muxía por Brandomil, o do Mar, o de Mariñán, o Miñoto Ribeiro, o de Muros-Noia, o de San Rosendo, e a Vía Künig.
Por outra banda, López Campos detallou que a creación desta figura é posible tras a modificación da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia feita a través da Lei de acompañamento aos Orzamentos 2026. Trátase duns cambios cos que o Executivo autonómico dá sustento legal á posta en marcha desta nova categoría que, posteriormente, se desenvolverá a través dun decreto no que quedarán fixadas as medidas específicas de protección, divulgación e apoio. Isto, tal e como engadiu, vai permitir que estas vías sexan obxecto de especial atención por parte das administracións públicas á hora de planificar programacións culturais, convocar axudas e deseñar medidas de posta en valor.
Texto pioneiro en Europa
A Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, na que se incluirá esta nova figura, foi impulsada pola Xunta para garantir o acceso á cultura de todas as persoas, eliminando as barreiras físicas, cognitivas, comunicativas, sociais ou territoriais. Está en vigor desde principios deste ano despois de que fose aprobada sen ningún voto en contra.
Trátase dun texto pioneiro que, por primeira vez en Europa, regula o dereito de acceso á cultura desde a perspectiva da inclusión e da accesibilidade e que abrangue dúas perspectivas referidas á participación na vida cultural. Por un lado, o acceso aos servizos e produtos culturais para todos. E por outro, a vertente creadora, visibilizando o talento de persoas con menos oportunidades para mostrar a súas calidades.


