Nova: A Xunta declara Ben de Interese Cultural a música e o baile tradicionais galegos
22/12/2025
A Xunta declara Ben de Interese Cultural a música e o baile tradicionais galegos
- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, sinala que o Consello dá o visto e prace a este recoñecemento na categoría de patrimonio inmaterial “para poñer en valor un dos elementos máis importantes da identidade cultural galega: o noso folclore”
- Conta con informes favorables do Museo do Pobo Galego e do Museo Etnolóxico de Ribadavia e a participación das comunidades e entidades implicadas
- Esta protección inclúe medidas de salvagarda para preservar axeitadamente esta herdanza cultural ás xeracións futuras
- Crearase un arquivo audiovisual público en rede e introducirase no ensino formal materiais didácticos que fomenten o seu coñecemento
- A declaración farase oficial nos vindeiros días coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia, co que se elevan a 794 os BIC existentes na Comunidade
Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2025 .- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou hoxe de que a Xunta declara Ben de Interese Cultural a música e o baile tradicionais na categoría de patrimonio inmaterial “para poñer en valor un dos elementos máis importantes da identidade cultural galega: o noso folclore”. Así se acordou hoxe no Consello, onde se lle deu o visto e prace ao decreto, que se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia e co que se lle outorga o máximo nivel de protección a ambos os dous xeitos de expresión, xa que se recoñece que na tradición cultural galega o baile precisa da música para expresarse, polo que é inseparable dela.
Esta declaración, que elevará a 794 o número de Bens de Interese Cultural existentes en Galicia, chega tras recibir os informes favorables e motivados sobre o seu valor sobranceiro do Museo do Pobo Galego e do Museo Etnolóxico de Ribadavia, así como as achegas das comunidades e das entidades implicadas, o que permite culminar o proceso iniciado en novembro de 2024 pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Deste xeito, neste expediente os técnicos recoñecen a fonda pegada no pasado e no presente de Galicia da práctica tradicional do baile e da música, a súa dimensión histórica e a súa importancia como espazo de intercambio, de aprendizaxe, de sociabilidade ou de diálogo. De igual xeito, tal e como apuntou Calvo, o decreto tamén pon en valor “o gran labor que realizan as asociacións folclóricas” e das representacións escénicas como transmisores, estudosos e custodios de saberes do patrimonio inmaterial e da súa documentación, como por ser parte fundamental da difusión da identidade cultural galega.
Cantareiras, pandeireteiras e comunidades portadoras
Entre as cuestións relevantes desta declaración está o recoñecemento do “gran protagonismo que teñen as mulleres no folclore galego”, segundo salientou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes. Así, son erixidas como as principais custodias dunha parte senlleira da memoria colectiva galega, capaces de conectar e reintegrar a tradición centenaria do pasado rural campesiño co presente urbano, con vocación de ficar no futuro.
Da mesma forma, outórgaselle un papel relevante á figura de portadora, aquela que posúe saberes, coñecementos, técnicas e métodos relacionadas co estudo, memoria, e vivencia do baile e da música tradicional galega, incluíndo calquera dos planos prácticos nos que pode darse ou verse relacionada a execución, a transmisión ou a artesanía.
Neste expediente recoñécese tamén o traballo de transmisión e difusión que se fai desde o tecido asociativo, nas escolas de ensino regrado e non regrado, nas agrupacións, desde os proxectos musicais ou desde as foliadas que se organizan en todo o territorio galego. Nesta liña, sublíñase que as asociacións folclóricas fixeron un labor de documentación, transmisión e difusión de valor inestimable para Galicia o que lles outorga un valemento para seren consideradas unha manifestación cultural máis da música e do baile tradicionais de Galicia, pertencente ás artes do espectáculo.
Medidas de salvagarda
Nesta distinción de ben de interese cultural tamén se recollen unhas medidas de salvagarda para garantir que as vindeiras xeracións manteñan axeitadamente a herdanza cultural e o senlleiro legado patrimonial inmaterial contido na música e no baile tradicionais de Galicia, pola vez que para posibilitar a correcta transmisión desta manifestación cultural.
Segundo se recolle no decreto, estas medidas de protección teñen tres grandes focos de actuación. O primeiro deles estará vencellado coa investigación, o segundo punto incidirá na transmisión, no ensino e na sensibilización, e o terceiro grupo de accións estará encamiñado á protección, á conservación, ao mantemento e á revitalización.
Arquivo audiovisual público na rede e ensino formal
Deste xeito, propiciarase que o sistema universitario galego contribúa ao fomento activo da investigación científica e académica sobre o baile e a música tradicional galegas. Ademais, tamén se posibilitará que os organismos e as administracións públicas asinen convenios con fundacións, asociacións ou padroados de titularidade privada de cara ao inventario, á catalogación, e á dixitalización de arquivos sobre material de música e bailes tradicionais. O obxectivo é a creación dun arquivo audiovisual público na rede, gratuíto e de libre acceso que conteña este material.
Ademais, solicitarase a colaboración do colectivo de docentes de Galicia para a elaboración de materiais didácticos no ensino formal de cara á adquisición de coñecementos básicos de baile e música tradicionais de Galicia. En canto ao ámbito do ensino non formal, solicitarase a colaboración das ANPAS e outros colectivos de cara á implantación de actividades extraescolares con estas materias.
Finalmente, recóllese que, transcorridos nove anos desde a declaración deste ben de interese cultural, se elaborará un estudo de actualización que avalíe o estado do ben de interese cultural e do impacto que sobre este exerceron tanto os procesos contemporáneos como a aplicación destas medidas de salvagarda.
