Nova: López Campos erixe a Estrada como "fonte de inspiración e lugar de referencia no ano Castelao"
19/12/2025
López Campos erixe a Estrada como "fonte de inspiración e lugar de referencia no ano Castelao"
- A mostra percorre cronoloxicamente a actividade política e literaria de Castelao desde 1934, cando asina os seus primeiros artigos no desterro estremeño, ata 1944
- O representante da Xunta sinala a figura do autor como símbolo de Galicia e da unión dos galegos e galegas
- O proxecto forma parte de ‘A Estrada Mostra’, unha iniciativa composta por tres exposicións sobre tres grandes nomes da cultura galega e estradense
A Estrada (Pontevedra), 12 de decembro de 2025.- O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, erixiu hoxe A Estrada como “parada obrigada no Ano Castelao”. Fíxoo na inauguración da exposición Castelao. De Sempre en Galiza ao Consello de Galiza, que poderá verse ata o 10 de xaneiro na Casa das Letras e que serve para poñer o broche de ouro aos actos impulsados coa colaboración da Xunta de Galicia para, ao longo de todo o ano, homenaxear ao intelectual co gallo do 75 aniversario do seu pasamento.
Na apertura desta exposición, o representante autonómico de Cultura, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, destacou a relevancia da figura de Castelao como “símbolo de Galicia e punto de unión para todos os galegos e galegas” ao tempo que puxo en valor os seus lazos coa Estrada, unha vila que foi “fonte de inspiración da súa obra pictórica” e terra natal da súa muller Virxinia Pereira.
Neste senso, fixo un chamamento para que os estradenses se acheguen a redescubrir a figura do intelectual a través da exposición Castelao. De Sempre en Galiza ao Consello na que se ofrece un percorrido cronolóxico pola súa actividade política e literaria desde 1934, cando asina os seus primeiros artigos no desterro estremeño, ata 1944, ano da publicación da primeira edición de Sempre en Galiza e da fundación do Consello de Galiza, do que foi primeiro presidente. O comisario da exposición é Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega.
Así mesmo, agradeceu a implicación das entidades implicadas na organización desta mostra encadrada no programa de actividades da Cátedra Institucional de Castelao, na que colaboran a Universidade de Santiago de Compostela, a Xunta de Galicia e o Parlamento de Galicia e que reafirma o compromiso do Goberno galego co estudo e difusión dun dos persoeiros senlleiros da cultura galega.
Así mesmo, lembrou que este proxecto, que xa se puido visitar noutras localidades, forma parte de A Estrada Mostra, unha iniciativa composta por tres exposicións sobre tres grandes nomes propios da cultura galega e estradense, pola que xa pasaron as propostas Manuel Reimóndez Portela. O médico de San Miguel e Avelina Valladares. Vida e obra.
