Nova: As axudas da Xunta a rodaxes audiovisuais en Galicia distribúen 2M€ entre seis novas películas e series

20/12/2025

As axudas da Xunta a rodaxes audiovisuais en Galicia distribúen 2M€ entre seis novas películas e series

  •  ‘Dímelo en secreto’ e a segunda temporada de ‘Punto Nemo’ completaron xa a súa filmación, mentres que durante 2026 a nosa Comunidade recibirá os equipos da miniserie ‘Lobo’ e das películas ‘Operación Camarón 2’, ‘Pínkala’ e ‘Serenade’
  • Encabezados tanto por produtoras galegas como foráneas, estes proxectos reciben axudas de ata 350.000 euros para garantir cando menos 20 días de gravación en escenarios galegos cun gasto mínimo de entre 1M€ e 1,5M€

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2025.- A Xunta de Galicia contribúe á filmación na nosa Comunidade de seis novas longametraxes e series, entre as que distribúe 2M€ procedentes da convocatoria de 2025 do fondo de axudas para a atracción de rodaxes audiovisuais. Entre os proxectos subvencionados, a película Dímelo en secreto e a segunda temporada de Punto Nemo finalizaron recentemente a súa gravación en diferentes localizacións galegas, mentres que ao longo de 2026 terán lugar as da miniserie Lobo e das películas Operación Camarón 2, Pínkala e Serenade.

 

O Goberno galego avanza así nos obxectivos desta liña de subvencións, cofinanciadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, que busca impulsar a nosa Comunidade como escenario habitual de destacadas producións audiovisuais, encabezadas tanto por empresas de aquí como do resto de España e Europa, co conseguinte impacto económico tanto nas áreas que as acollen como no conxunto da industria audiovisual galega.

 

Retorno na Comunidade

De feito, os importes de entre 300.000 euros e 350.000 euros concedidos a través desta convocatoria implican un gasto mínimo en Galicia de 1.000.000 euros no caso das longametraxes e de 1.300.000 euros nas series de produtoras galegas, e de 1.500.000 euros no das foráneas. Ademais, os proxectos apoiados desenvolverán un mínimo de 20 días laborables de rodaxe en localizacións galegas e destinarán cando menos un 40% do seu orzamento subvencionable a gastos de persoal, tamén realizados en Galicia.

 

Numerosos concellos das provincias da Coruña e Lugo acolleron desde mediados de outubro e ata a primeira semana deste mes de decembro a filmación de Dímelo en secreto, segunda parte da triloxía baseada nas novelas homónimas de Mercedes Ron que Vaca Films está a producir para Prime Video.

 

Tamén finalizou xa a súa rodaxe en Galicia a segunda temporada de Punto Nemo, serie de Prime Video coa compañía Ficción Producciones á fronte. A batería de Porto Cuances, no concello pontevedrés do Grove, foi o epicentro da gravación dos novos episodios que continuarán desenvolvendo a historia de suspense e ciencia ficción arredor dos superviventes dunha expedición oceanográfica.

 

Xa en 2026, Galicia recibirá os equipos dos outros catro proxectos subvencionados. Así, a miniserie Lobo, tamén con Vaca na produción, acaba de convocar un cásting para a selección de intérpretes cara á rodaxe que ten previsto levar a cabo entre xaneiro e maio.

 

Pola súa banda, a comedia Operación Camarón terá unha segunda parte na que os seus protagonistas se trasladarán a Galicia para unha nova misión encuberta. La Pepa Films, Telecinco Cinema, Movistar + e Buenavista España volven unirse na secuela desta película, de novo con Carlos Therón na dirección.

 

Pola súa banda, Matriuska Producciónes ten previsto comezar en maio a rodaxe de Serenade, unha historia ambientada no rural galego dos anos 90 a través da que se ofrecerá un retrato da familia, a fe e a liberdade a través das mulleres de tres xeracións diferentes.

 

Xa cara ao verán, a cidade de Vigo acollerá a meirande parte das localizacións de Pínkala, con Frida Films na produción. Trátase da segunda longametraxe de Juanjo Giménez, directos de Tres e gañador da Palma de ouro en Cannes coa súa curta Timecode. Este novo traballo xirará arredor da historia de amor entre Sam, un telépata que vive illado co seu pai enfermo, e Alicia, unha bailarina obrigada a abandonar os escenarios e a única persoa á que non lle pode ler a mente.

 

Balance do fondo de 2024

Estas seis novas rodaxes súmanse ás outras seis xa subvencionadas a través da convocatoria deste mesmo fondo en 2024, que implicaron un retorno económico de 21,6 M€ e máis de 647 empregos, en cómputo anual equivalente a tempo completo. Obtiveron apoio ese ano as longametraxes Romería, de Carla Simón; Rondallas, de Daniel Sánchez Arévalo; Dímelo bajito, primeira parte da devandita triloxía de Vaca Films para Prime Video; Me has robado el corazón, de Ficción Producciones en asociación con Sony Pictures Entertainment Iberia, así como a serie Marusía de CTV e a nova temporada de Clanes, tamén con Vaca na produción.

Segundo os datos recompilados especificamente por un equipo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, por cada euro investido nestes seis títulos a través deste fondo de axudas xeráronse 12 euros na actividade económica da nosa Comunidade.

Saúdos do Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Comparte