Nova: O Gaiás pecha 2025 coa obra do Centro de Artes Dixitais lista para iniciar o equipamento tecnolóxico

19/12/2025

O Gaiás pecha 2025 coa obra do Centro de Artes Dixitais lista para iniciar o equipamento tecnolóxico

López Campos destaca que o ano remata con preto de 1,4 millóns de visitas, sendo o exercicio no que se organizaron máis actividades culturais

As itinerancias expositivas baten récords, con 11 mostras exhibidas en Madrid, Zamora, Vigo, Lugo, Pontevedra ou A Coruña, e en vilas como Baiona, Ponteareas ou Ribadavia

Exposicións como ‘Orixes’ ou ‘Castelao. Mirar por Galicia’ obteñen recoñecementos que acreditan a calidade de proxectos dixitais producidos en Galicia

O apoio á comunidade creadora, as medidas para facer máis inclusivos os contidos culturais e o compromiso coa sustentabilidade marcan a programación deste 2025

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presidiu esta mañá a última reunión do ano do padroado da Fundación Cidade da Cultura, na que asegurou que a Xunta de Galicia despide 2025 cumprindo o seu compromiso de deixar as obras do Centro de Artes Dixitais listas para iniciar o seu equipamento tecnolóxico e conseguir así que estea operativo na segunda metade de 2026.

Agardando computar os datos totais de decembro, López Campos destacou que o Gaiás rematará o 2025 con preto de 1,4 millóns de visitas, nun ano no que se baten dous récords: por unha banda, foi o exercicio da última década no que se organizaron máis actividades culturais -205- e tamén no que máis persoas participaron nelas -262.639-. “Estamos diante de números que acreditan a consolidación dunha tendencia expansiva”, destacou.

O titular de Cultura chamou a atención sobre a importancia das itinerancias expositivas, programa que se leva desenvolvendo desde hai anos, pero que en 2025 medrou ata acadar un protagonismo sen precedentes. “Por vez primeira, preto de 70.000 persoas gozaron de contidos producidos polo Gaiás en centros culturais das súas localidades”, explicou López Campos. Once mostras da Cidade da Cultura foron exhibidas, ademais de en Santiago de Compostela, en Madrid, Zamora, Vigo, A Coruña, Pontevedra e Lugo, pero tamén en vilas como Baiona, Ponteareas ou Ribadavia.

Entre as liñas prioritarias, o conselleiro apuntou os avances nas artes dixitais. Así, citou Orixes ou Castelao. Mirar por Galicia, o proxecto tecnoloxicamente máis avanzado ao redor desta icona da cultura galega e que representou a proposta estrela da Xunta de Galicia no Ano Castelao. 

O responsable de Cultura da Xunta de Galicia quixo pór en valor os recoñecementos que están a chegar, como o feito de que Hábitats -proposta desenvolvida polo Gaiás- figurase no ránking de mellores proxectos de arte dixital de España do Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea ou que Orixes fose seleccionada como finalista para un dos principais galardóns europeos desta tecnoloxía: os XR Awards. De igual xeito, aludiu á importancia da primeira edición do foro SINTE, que congregou en Galicia algunhas das figuras máis relevantes do mundo da arte e a creación dixital.

Apoio á creación

Máis alá da exhibición de contidos, López Campos subliñou o labor que a Cidade da Cultura está a facer no apoio á comunidade de artistas galegos, enumerando accións como as Residencias Artísticas, o Encontro de Artistas Novos ou a Residencia Literaria, vías a través das cales a Xunta canaliza un investimento de preto de 170.000 euros destinados a promover iniciativas de artistas maioritariamente galegos e galegas.

O balance de 2025 veu marcado polo que vén sendo unha constante no programa do Gaiás: a posta en valor de figuras clave da cultura galega. Xunto a Castelao. Mirar por Galicia, o Museo Gaiás exhibiu unha retrospectiva de Rafael Úbeda, a mostra sobre Francisco Asorey, que continúa aberta, e unha exposición fotográfica sobre o Premio PHotoEspaña 2024, o ucraíno Boris Savelev, afincado en Vigo.

Remata un exercicio no que o compromiso coa cultura inclusiva e coa accesibilidade se situaron no centro do modelo de xestión, decisión que se traduciu en colaboracións con asociacións como a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, o Programa Vagalume -que traballa con mulleres en contexto de explotación sexual-, a organización de mostras ao redor da historia LGTBI en Galicia ou o traballo artístico con colectivos como asociacións con persoas con dano cerebral adquirido. 

Nesta liña, destacou o esforzo no emprego nas actividades culturais de recursos como intérpretes de linguas de signos, elaboración de folletos e textos de lectura fácil para as exposicións ou mochilas vibratorias para mellorar a experiencia dos concertos das persoas con discapacidade auditiva.

Retos para 2026

Xunto ao equipamento e á posta en marcha do Centro de Artes Dixitais, o conselleiro anunciou ao padroado que o 2026 virá marcado por ambiciosas exposicións internacionais, que se anunciarán ao longo de xaneiro e que suporán unha antesala ao Xacobeo 2027. Ademais, subliñou a ampliación do auditorio do Edificio Fontán para acoller espectáculos escénicos e as obras para construír un centro de apoio loxístico ao Museo e á Biblioteca e Arquivo de Galicia.

Comparte