Nova: A Xunta abre o prazo para inscribir actividades de dinamización cultural no catálogo ‘Ler Conta Moito’
19/12/2025
A Xunta abre o prazo para inscribir actividades de dinamización cultural no catálogo ‘Ler Conta Moito’
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases para que aquelas persoas físicas ou xurídicas incorporen as súas propostas de cara a ser seleccionadas para a programación nas bibliotecas públicas galegas
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2025
A Xunta abre o prazo para que aquelas persoas físicas ou xurídicas dedicadas á dinamización cultural se inscriban no catálogo Ler Conta Moito 2026 que servirá para programar actividades nas bibliotecas públicas. Así, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe os requisitos que deben cumprir para incorporar as súas propostas a este programa de maneira que poidan ser seleccionadas por estes equipamentos na súa oferta cultural.
Trátase dunha convocatoria coa que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude continúa a fomentar accións de animación á lectura a través dunha programación de actividades atractivas, vencelladas aos intereses dos distintos colectivos, e que faciliten o achegamento aos espazos bibliotecarios.
Así, con este programa preténdese fortalecer o papel das bibliotecas como espazo de relación, aberto e participativo, e como axente facilitador da aprendizaxe permanente; promover o desenvolvemento cultural como vehículo para o crecemento persoal e colectivo; valorar o libro e fomentar a lectura como elemento de transmisión de coñecemento e de reflexión, e consolidar a programación compartida da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, coa renovación permanente de propostas de calidade.
Deste xeito, as actividades estarán dirixidas a potenciar a imaxe das bibliotecas e fomentar o acceso igualitario á cultura promovendo a lectura, a escritura ou a creación artística; así como o pensamento crítico, a innovación e a creatividade. Ademais, as accións deben ir encamiñadas á construción social participativa, igualitaria e inclusiva.
Neste senso, as categorías dos proxectos estarán relacionadas con obradoiros, tales como os dirixidos á escritura, ilustración ou tecnoloxía, entre outras modalidades; coa narración oral, incluíndo contacontos, lecturas en voz alta ou recitais; coa divulgación do coñecemento, a nivel científico, social ou cultural; co audiovisual, abranguendo proxeccións, audicións ou ciclos de cine e música; coa creación de contidos dixitais; coas artes escénicas, como a música, o teatro ou a danza; con exposicións de moi diversas temáticas, ou con rutas e itinerarios guiados por escenarios literarios ou espazos de interese cultural.
As persoas interesadas poden inscribirse ata o 26 de xaneiro de 2026 accedendo á plataforma do programa Ler conta moito no portal da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e cubrindo o formulario de alta de actividades do catálogo.
