Nova: Os traballos da Xunta no castro de Barbude da Estrada sacan á luz unha muralla de época castrexa

18/12/2025

Os traballos da Xunta no castro de Barbude da Estrada sacan á luz unha muralla de época castrexa

O responsable de Cultura explica que a actuación impulsada polo Goberno galego inclúe dúas sondaxes e a limpeza do acceso á croa

Os traballos, enmarcados no Plan de actuacións arqueolóxicas, están destinados a ampliar o coñecemento sobre o patrimonio máis sobranceiro da Comunidade

Os interesados en coñecer os resultados poderán participar na visita guiada que se organiza este sábado, ás 10.30 horas, en colaboración co Concello da Estrada

A Estrada (Pontevedra), 18 de decembro de 2025

Os traballos impulsados pola Xunta de Galicia no castro de Barburde ou Trasmonte, no concello da Estrada, acaban de sacar á luz restos dunha muralla de época castrexa. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha visita na que estivo acompañado polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, e na que puido coñecer o avance desta actuación.

Así, tal e como explicou o responsable autonómico de Patrimonio Cultural, a estrutura localizada, aínda en proceso de estudo, correspóndese cunha fortificación defensiva na que se inclúe tanto a construción exterior como un segundo elemento circular que, segundo os primeiros indicios, podería corresponderse á época castrexa. “Trátase dun importante achado que nos axuda a ampliar o coñecemento sobre o patrimonio máis sobranceiro da nosa Comunidade e que se complementa coa localización de material composto por cerámica da Idade de Ferro”, apuntou López Campos.

Neste senso, o conselleiro de Cultura precisou que a actuación levada a cabo na Estrada cunha achega de 17.700€ encádrase no Plan de actuacións arqueolóxicas, a folla de ruta posta en marcha polo Goberno galego cun investimento de 1,5M€ para, en solitario ou en colaboración con institucións académicas e concellos, garantir a conservación dos xacementos ao tempo que se favorece o achegamento a historia por parte da cidadanía.

No caso concreto de Barbude, os traballos están centrados na limpeza dos perfís de acceso á zona máis alta do castro, así como na realización de dúas sondaxes arqueolóxicas para avaliar unha das parcelas e no camiño de acceso. Ademais, o proxecto complétase coa elaboración de materiais divulgativos entre os que se inclúe un vídeo e unha reportaxe de fotografía área.

Ademais, co fin de que a cidadanía poida coñecer os resultados desta actuación, o sábado, en colaboración co Concello da Estrada, organizarase unha visita guiada ás 10,30 horas. Trátase dunha actividade de balde e os interesados poderán reservar praza a través do Concello, ben presencialmente ou ben no número de teléfono 986 573 601.

Comparte