Nova: O espectáculo de maxia, circo e danza ‘Reinventio’ chega a Lugo o 27 de decembro co patrocinio da Xunta
18/12/2025
O espectáculo de maxia, circo e danza ‘Reinventio’ chega a Lugo o 27 de decembro co patrocinio da Xunta
O delegado territorial, Javier Arias, e o creador da obra, o ilusionista ferrolán Martín Varela, presentaron hoxe as dúas funcións que se ofrecerán en Lugo
Trátase dunha proposta cultural producida en Galicia, dunha duración de 90 minutos e coa actuación de artistas galegos e internacionais
Lugo, 18 de decembro de 2025
Lugo acollerá o próximo 27 de decembro dúas representacións de Reinventio, un espectáculo galego de gran formato que combina maxia, danza e artes circenses nun relato visual sobre a capacidade de reinventarse e recuperar a ilusión.
A Delegación Territorial da Xunta acolleu hoxe a presentación das dúas funcións que se ofrecerán no auditorio Fuxan os Ventos co patrocinio da Axencia de Turismo de Galicia. O primeiro pase será ás 18,00 horas e o segundo ás 20,30 h.
No acto participaron o delegado territorial de Lugo, Javier Arias; o ilusionista ferrolán Martín Varela, creador da obra; e un dos artistas que interveñen na representación, o portugués Andrew Noronha, vinculado ao mundo do circo dende os dous anos.
Reinventio é un espectáculo concibido e producido en Galicia baixo a dirección artística de Martín Varela e da coreógrafa Mercedes Suárez, fundadora de Druida Danza. Conta cun elenco de artistas galegos e internacionais que fusionan números de danza, circo e maxia.
A narración segue a un mago que perdeu a súa ilusión e tenta recuperala ao percorrer os seus soños e pesadelos. Ao longo de 90 minutos de duración, a peza constrúe unha viaxe simbólica que conecta co espírito do Camiño de Santiago, entendido como tránsito, procura e capacidade de reinventarse.
A produción vén avalada polo éxito que rexistrou o espectáculo Inventio, impulsado no marco do Xacobeo e que serviu de base para esta nova creación.
Arias felicitou aos promotores por traer a Lugo unha das propostas culturais máis atractivas do Nadal. As entradas están dispoñibles nas páxinas web www.reinventio.gal e en www.ataquilla.com.
