Nova: López Campos celebra a declaración do ‘Ano Oteriano’ en 2026 con motivo do cincuenta aniversario do pasamento do intelectual galeguista
17/12/2025
López Campos celebra a declaración do ‘Ano Oteriano’ en 2026 con motivo do cincuenta aniversario do pasamento do intelectual galeguista
O responsable de Cultura do Goberno galego valora que se lle recoñeza e erixa como “un dos piares do florecemento cultural de Galicia”
Avanza que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude organizará unha ampla programación ao redor da vida e obra do considerado ‘Patriarca das Letras Galegas’
Manifesta a “total vontade colaboradora” da Xunta co resto de institucións culturais, educativas e académicas para promover actividades de investigación e difusión
Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, celebrou a decisión do Parlamento de Galicia, coa unanimidade de todos os grupos, de declarar o 2026 Ano Oteriano, con motivo de cumprirse o cincuenta aniversario do pasamento desta “figura esencial das letras, o pensamento e identidade galega contemporánea”, así como tamén o centenario da publicación de Guía de Galicia, unha das súas grandes obras.
O responsable de Cultura do Goberno galego salientou o feito de que, nesta declaración institucional, se erixa a Ramón Otero Pedrayo “como un dos piares do florecemento cultural e intelectual de Galicia”, ao tempo que puxo en valor que se recoñeza como “representante dunha xeración que soubo vincular o galeguismo coa defensa da cultura universal e co compromiso coa nosa terra”.
Nesta liña, López Campos lembrou as múltiples facianas dun dos fundadores do Grupo Nós e da Editorial Galaxia, da que foi o primeiro presidente, e membro das Irmandades da Fala, ademais de mestre, ensaísta, xeógrafo, novelista e político, como membro do Partido Galeguista. “En todo este amplo espectro despuntou pola súa brillantez, altos coñecementos e compromiso con Galicia, que merecen manter acesa a súa vixencia cun recoñecemento institucional amplo e transversal”, aseverou.
Programación completa e diversa
Por estes motivos, avanzou que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude artellará unha “completa e diversa” programación para “difundir entre todos os galegos e galegas a relevancia da súa herdanza e legado, á vez que a débeda colectiva coa Galicia actual acadada”. Neste senso, incidiu na transcendencia da súa figura na “construción da Galicia moderna”, tal e como celebrou que se lle recoñeza na declaración do Ano Oteriano.
Consecuentemente, o titular de Cultura da Xunta manifestou “a total vontade colaboradora” do departamento que dirixe co resto de institucións culturais, educativas e académicas de Galicia para promover actividades de investigación, difusión e posta en valor súa vida e obra ao longo do Ano Oteriano.
