Nova: A Xunta colabora coa comisión Fulbright para que seis mozos completen a súa formación artística nos Estados Unidos
15/12/2025
A Xunta colabora coa comisión Fulbright para que seis mozos completen a súa formación artística nos Estados Unidos
- O Consello dá luz verde ao convenio polo que o Goberno galego asume máis do 85% do importe
- Con este acordo, son xa 25 os beneficiarios desde o 2020 destas bolsas de ampliación de estudos, estancias e intercambios artísticos no país norteamericano
- A achega está destinada a facer fronte ao pago da viaxe, manutención do bolseiro, gastos do proxecto, de matrícula, taxas obrigatorias e custos de xestión
A Xunta e a Comisión Fulbright asinan un novo convenio para que seis mozos completen a súa formación artística nos Estados Unidos durante o curso 2026-2027. Así se anunciou hoxe no Consello da Xunta, onde se deu luz verde ao convenio dotado con 301.208 € para a realización do programa.
Deste xeito, ao abeiro deste acordo, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achega a esta iniciativa un importe de 259.011 euros, o que supón máis do 85% do total. Esta cantidade estará destinada aos custos da viaxe, manutención do bolseiro, gastos de proxecto, de matrícula e taxas obrigatorias que poidan existir, así como os derivados das xestións. Pola súa parte, a Comisión Fulbright colaborará economicamente cunha achega de 42.197 euros correspondentes a gastos de cobertura médica e de accidentes dos bolseiros durante a súa estancia no estranxeiro, entre outros.
Cómpre sinalar que Galicia é a única comunidade autónoma cun programa específico para estudos artísticos xunto coa Comisión Fulbright. Neste senso, a colaboración entre ambos organismos no marco deste convenio suma xa seis anos, nos que participaron 20 bolseiros realizando proxectos de danza, música, pintura, escultura, deseño, vestiario, moda, teatro ou fotografía nas institucións da súa elección en Massachusetts, California, Nova York, Boston ou Maine, por exemplo.
Poderán participar nesta iniciativa os mozos que teñan conexión con Galicia, por nacemento, residencia, formación en estudos superiores ou artísticos e traxectoria profesional que estean interesados en completar os seus estudos en institucións culturais do país norteamericano. Ademais, deben cumprir os requisitos establecidos na convocatoria correspondente.
Tal e como establece o acordo asinado, a Comisión Fulbight será a encargada de preparar e xestionar a convocatoria e o proceso de selección dos bolseiros. Ademais, farase cargo da xestión de visados e de ofrecer sesións de orientación en España e unha rede de apoio nos Estados Unidos. Así mesmo, os bolseiros poderán participar en seminarios culturais e científicos organizados pola Comisión e, unha vez rematada a súa estadía, formarán parte da rede de antigos bolseiros Fulbright á que tamén pertencen artistas como Francisco Leiro, Din Matamoro ou a dramaturga Fefa Noia.
A través deste convenio, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude comprométese a contribuír cos obxectivos e fins en materia de formación e intercambio de artistas de Galicia que redunden tanto na mellora da calidade do seu traballo como na súa proxección a nivel galego, estatal e internacional. Paralelamente, estas accións terán eco na promoción e divulgación do patrimonio e da cultura galegos, así como doutras que supoñan o recoñecemento dos valores comúns vinculados aos dereitos culturais, a economía vinculada ás industrias creativas e o fomento da universalidade no mundo dixital.
