Nova: López Campos considera o Premio Otero Pedrayo á Coral Polifónica de Pontevedra como “brillante alfinete” ao ‘Ano Castelao’
11/12/2025
López Campos considera o Premio Otero Pedrayo á Coral Polifónica de Pontevedra como “brillante alfinete” ao ‘Ano Castelao’
O representante da Xunta salienta o importante papel que o intelectual galeguista desenvolveu na formación como “fundador, presidente, escenógrafo e cantor”
“Premiamos e honramos a traxectoria e vixencia dun referente cultural actual e vivo”, destaca sobre a coral que celebra xustamente este ano o seu centenario
Este galardón ten a súa orixe en 1977 e, na actualidade, convócase en iniciativa conxunta das catro Deputacións galegas e o Goberno autonómico
Pontevedra, 11 de decembro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, erixiu hoxe como “brillante alfinete” ao Ano Castelao a entrega do Premio Otero Pedrayo 2025 á Coral Polifónica de Pontevedra, da que subliñou que o intelectual galeguista foi “fundador, presidente, escenógrafo e membro cantor”.
Acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o titular de Cultura do Goberno galego participou na cerimonia de entrega da que considerou unha das “distincións culturais máis prestixiosas de Galicia”. Por estes motivos, considerou “totalmente atinado” que neste ano se lle entrega á Coral Polifónica de Pontevedra, “como o colofón máis especial á celebración do seu centenario”.
Neste senso, puxo en valor o “recoñecido carácter senlleiro” da formación coral, da que salientou os seus vencellos co movemento histórico galeguista, da man de persoeiros como Antón Losada ou Antonio Vilarelle. Nesta mesma liña, salientou a súa “pegada precursora” desde as súas primeras orixes, en referencia “ao seu innovador repertorio, a incorporación pioneira de voces femininas ou de idear unha escenografía propia para cada a función, a través do abraiante talento do poliédrico Castelao”, enxalzou.
Relevante patrimonio material e inmaterial de Galicia
“Hoxe premiamos e celebrarmos a traxectoria e vixencia dun referente cultural actual e vivo”, aseverou López Campos, quen situou a Coral Polifónica de Pontevedra como “un dos máis relevantes patrimonios materias e inmateriais de Galicia”. Neste senso, apuntou o feito de que conserva a única gravación sonora de Alexandre Bóveda ou tamén os impresionantes panos ideados ex profeso por Castelao, “figura que xustamente este ano estamos a conmemorar e honrar dun xeito tan significativo polo gallo do 75 aniversario do seu pasamento”, lembrou o conselleiro.
Por estes motivos, considerou “de xustiza e acorde coa súa relevancia” que os Premios Otero Pedrayo sumen á Coral Polifónica de Pontevedra "entre os súas reputadas entidades distinguidas”, entre as que citou ao Museo de Pontevedra ou mesmo ao Fundación Castelao, “entre outras moitas figuras e entidades grandes e sobranceiras”.
“Premiar a Coral Polifónica de Pontevedra é premiar a cerna dun século da nosa historia e da nosa identidade cultural, na que avanzamos e prosperamos sen renunciar as nosas raíces como sinal do que somos como pobo ”, concluíu.
Premio con case medio século de traxectoria
O Premio Otero Pedrayo ten a súa orixe en 1977 e, na actualidade, é unha iniciativa conxunta das catro deputacións galegas e a Xunta de Galicia. Ten como obxectivo de perpetuar e honrar a memoria do ilustre galeguista, recoñecer a contribución á cultura de persoas e entidades no campo das letras e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.
O galardón está dotado con 16.000 euros e recoñece a contribución que fan persoas ou entidades á cultura galega, como nesta 48 edición, á Coral Polifónica de Pontevedra.




