Nova: A Xunta inviste 400.000 euros nas novas axudas á música ao vivo nas salas galegas para o bienio 2026-2027
10/12/2025
A Xunta inviste 400.000 euros nas novas axudas á música ao vivo nas salas galegas para o bienio 2026-2027
Publícase no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria que reformula o apoio ao circuíto de salas privadas co obxectivo de fomentar a profesionalización e a coordinación entre os axentes do sector implicados
Ábrese ata o 12 de xaneiro o prazo de solicitude destas subvencións por parte das empresas promotoras ou organizadoras dos concertos
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2025
A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria bienal de subvencións para proxectos de programación musical nas salas privadas, ás que destina un orzamento de 400.000 euros para os anos 2026 e 2027. Como resultado do proceso de diálogo aberto pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude cos principais colectivos profesionais do sector, as bases reformulan varios aspectos deste apoio público co fin de incentivar a coordinación e implicación de todos os axentes —empresas promotoras, salas e artistas— no impulso profesional da música ao vivo, máis alá dos eventos de gran formato.
Os principais cambios teñen que ver co tipo de entidades beneficiarias e as características das programacións subvencionables. Así, as solicitantes destas axudas, que anteriormente recaían nas propias salas, deben ser agora empresas galegas que promovan servizos no ámbito da música ao vivo, incluíndo promotoras, managers, axentes e organizadoras de eventos.
O seu obxecto é o desenvolvemento de programacións de concertos de carácter profesional en salas privadas da Comunidade durante o bienio 2026-2027. Estas carteleiras deben constar dun mínimo de 10 actuacións en cando menos cinco destes locais e tres provincias, para o que cada entidade subvencionada poderá contar cunha achega de ata 50.000 euros.
Entre os puntos destacados das bases, sobresaen tamén o impulso da música galega e a presenza feminina nestes carteis, o establecemento dun caché artístico mínimo de 250 euros, a limitación para as promotoras solicitantes de non presentar unha programación con máis dun 20% de formacións musicais da súa axencia ou o foco nos novos talentos, que deberán conformar o 20% da proposta.
Estas axudas para programación musical nas salas privadas galegas poderán solicitarse desde mañá e ata o 12 de xaneiro a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
