Nova: O espectáculo de música contemporánea ‘Karst’ impulsado pola Xunta nas residencias artísticas do Gaiás chega a Roma en decembro

08/12/2025

O espectáculo de música contemporánea ‘Karst’ impulsado pola Xunta nas residencias artísticas do Gaiás chega a Roma en decembro

A creación do compositor galego Hugo Gómez-Chao e a arquitecta e deseñadora de moda Raquel Buj terá a súa estrea internacional no festival Nuova Consonanza cun novo formato que une voz, percusión, escultura e movemento

A danza intégrase como parte do proxecto coa participación da coreógrafa e Premio Nacional de Danza 2024, Luz Arcas

‘Karst’ é froito da colaboración entre o Festival RESIS da Coruña e o programa de apoio á creación contemporánea que promove a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2025

O proxecto de música, arquitectura e movemento Karst, xestado co apoio da Xunta de Galicia e o Festival RESIS da Coruña na Cidade da Cultura, estrearase internacionalmente en Roma o próximo 12 de decembro, dentro do festival Nuova Consonanza. O compositor galego Hugo Gómez-Chao e a arquitecta e deseñadora de moda Raquel Buj presentarán a obra nun formato que incorpora a danza cunha posta en escena espectacular.

A coreógrafa e bailarina Luz Arcas (Premio Nacional de Danza 2024 na categoría de creación) e a directora de teatro Victoria Aime incorpóranse ao equipo de Karst nesta nova representación dentro do Mattatoio La Pelanda, o antigo matadoiro da capital italiana. Unha proposta que hibrida música contemporánea, danza e investigación biomaterial transformando cada representación nunha arquitectura viva.

Son e movemento materialízanse nun espazo fragmentado definido por padróns de luz, onde a voz humana se descompón foneticamente mentres os instrumentos imitan a súa fala. Na escena, os intérpretes interactúan con tecidos transformados por micelios, bacterias, minerais, cunchas e outros materiais naturais, dando forma a unha reflexión artística e emocional sobre a construción do corpo e da linguaxe.

Nesta contorna, a percusión do Grupo Arxis e o coro de voces do EVO Ensemble, dixiridas por Armando Merino, interpretarán dúas obras que se presentan por primeira vez en Italia: Consolation I, do alemán Helmut Lachenmann e Karst, composta por Hugo Gómez-Chao.

O conxunto escenificouse por primeira vez o pasado mes de maio na igrexa de San Domingos de Bonaval en Santiago de Compostela, logo de completar a súa residencia artística na Cidade da Cultura grazas ao programa de apoio á creación contemporánea posto en marcha pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Posteriormente, viaxou ata o Círculo de Bellas Artes de Madrid e agora continúa a súa proxección internacional co apoio do Instituto Nacional de Artes Escénicas e da Música, a Embaixada de España en Italia e o Instituto Cervantes de Roma.

Comparte