Nova: A experiencia inmersiva do Gaiás ‘Orixes’ aspira a obter un dos principais premios europeos de arte dixital
07/12/2025
A experiencia inmersiva do Gaiás ‘Orixes’ aspira a obter un dos principais premios europeos de arte dixital
A proposta figura como una das tres únicas seleccionadas en España como finalista dos XR Awards, cuxa gala de entrega terá lugar este martes
Promovida pola Xunta de Galicia, a iniciativa estivo desenvolvida polos equipos da Cidade da Cultura e da empresa galega Maxina
Con 30.000 visitantes, este proxecto obtivo unha excepcional acollida por parte do público, que puido gozar dunha viaxe no tempo desde as orixes do planeta
Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2025
A experiencia inmersiva Orixes, promovida pola Xunta de Galicia, aspira este martes en Bruxelas a obter un dos principais premios internacionais das artes dixitais: os XR Awards na categoría de Mellor Experiencia Artística. A proposta, desenvolvida pola Cidade da Cultura e a empresa galega Maxina, é unha das tres únicas seleccionadas en España como finalistas.
O Goberno galego celebra esta clasificación como un recoñecemento á calidade das experiencias en arte dixital que se están a desenvolver na Comunidade e, de xeito particular, polo Gaiás en colaboración con operadores privados, como foi neste caso Maxina. Deste xeito, subliña que non se trata dun caso illado e lembra proxectos como Hábitats -experiencia producida tamén pola Cidade da Cultura- e seleccionada en 2024 polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea como unha das iniciativas dixitais máis destacadas en España.
Os premios AIXR XR Awards están organizados pola Academia Internacional de Realidade Estendida como un recoñecemento á innovación no eido das tecnoloxías inmersivas a nivel global. Considerados como referencia internacional, buscan impulsar proxectos pioneiros e fomentar unha comunidade que conecta a profesionais e innovadores do ámbito tecnolóxico de todo o mundo.Dirixida polo artista visual Carlos Seijo, Orixes foi estreada no Museo Gaiás, onde máis de 30.000 persoas tiveron a oportunidade de gozar dunha viaxe no tempo a través das diferentes etapa de conformación do planeta e os orixes da vida. Grazas á tecnoloxía de realidade mixta, na que as capas de realidade virtual se superpoñen á arquitectura física, os visitantes puideron camiñar por ambos mundos: o físico e o dixital.
Aposta pola arte dixital
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude considera este tipo de recoñecementos como un aval ao traballo que se está a realizar por parte dunha institución, como é a Cidade da Cultura, onde se está a construír o primeiro Centro de Artes Dixitais de Galicia, que estará operativo en 2026. Orixes ou Hábitats son dous exemplos dunha liña de traballo que o Gaiás sitúa desde fai anos entre os seus eixes prioritarios, con propostas como Carne y Arena, o Galiverso, Castelao. Mirar por Galicia ou recentemente o foro de cultura e creación dixital SINTE, que reuniu en Santiago de Compostela a algún dos referentes da arte dixital no panorama internacional.
En liña cos principios recollidos na Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, a Xunta destaca que este tipo de experiencias dixitais caracterízanse pola eliminación das barreiras arquitectónicas, así como pola incorporación de elementos que favorecen a inclusión. No caso de Orixes, por exemplo, usáronse chalecos táctiles de vibración, unha tecnoloxía que mellora a percepción sensorial, especialmente no caso de persoas xordas ou con dificultade auditiva.

