Nova: As subvencións da Xunta a festivais profesionais de artes escénicas e de música suman 370.000 euros nas convocatorias de 2026

05/12/2025

As subvencións da Xunta a festivais profesionais de artes escénicas e de música suman 370.000 euros nas convocatorias de 2026

  • A Consellería de Cultura Lingua e Xuventude abriu esta semana o prazo de solicitude para ambas as liñas de apoio
  • A dotación para as mostras escénicas ascende a 290.000 euros, cun incremento do 3,5% respecto da contía adxudicada en 2025
  • No caso dos festivais de música, mantense o investimento de 80.000 euros destinado en exclusiva á contratación de bandas e solistas de Galicia

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2025.- A Xunta de Galicia publicou esta semana as bases das dúas liñas anuais de subvencións á organización profesional de festivais de artes escénicas e de música, que nas súas convocatorias de 2026 suman un investimento de 370.000 euros. Deste importe, 290.000 euros destínanse a mostras escénicas consideradas estratéxicas para o sector, mentres que 80.000 euros diríxense especificamente á contratación de solistas e grupos musicais de Galicia por parte dos festivais que se desenvolven na nosa Comunidade.

No caso dos certames de artes escénicas, o Goberno galego incrementa a súa dotación nun 3,5% respecto da contía concedida neste 2025, a través da que se cofinanciaron 13 certames nas catro provincias. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén así a tendencia ascendente deste orzamento en atención ao papel deste tipo de citas como dinamizadoras culturais e como polos de atracción turística das súas contornas, ademais de como plataforma para unha maior proxección social da actual produción escénica de Galicia.

Estas subvencións poden solicitarse ata o vindeiro 2 de xaneiro por parte de empresas privadas e entidades locais galegas, así como asociacións, fundacións ou outras formas xurídicas sen ánimo de lucro, para a organización de festivais profesionais de artes escénicas con datas de celebración comprendidas entre o pasado 1 de novembro e o 31 de outubro de 2026.

A contía máxima da axuda é de 60.000 euros por proxecto, podendo alcanzar ata o 60% do orzamento subvencionable ou ata o 85%, no caso das solicitudes conxuntas de entidades locais ou daquelas resultantes de fusión.

Fomento da contratación artística galega

Os certames candidatos deberán ter realizadas dúas edicións anteriores e programar un mínimo de seis compañías. Entre os requisitos esixidos, establécese tamén que o orzamento destinado á contratación artística deberá acadar o 40% do total e del, cando menos un 30% deberá investirse en compañías compostas maioritariamente por artistas que desenvolvan a súa actividade profesional en Galicia. Ademais, un mínimo do 60% da carteleira ten que ser de pago por parte do público, excepto nos festivais de rúa.

 

O fomento da contratación artística galega é precisamente a prioridade da convocatoria de subvencións a festivais de música, que na convocatoria de 2026 mantén a súa dotación de 80.000 euros.

 

Neste caso, permanece aberto ata o 29 de decembro o prazo de solicitude por parte de persoas físicas ou xurídicas de natureza privada para a organización de festivais que se celebren entre o 1 de novembro de 2025 e o 31 de outubro de 2026. Os eventos deben contar con cando menos dúas edicións anteriores, ter unha duración mínima de dous días, programar cinco o máis grupos e poñer á venda un 80% do total de entradas, entre outros requisitos. Ademais, o seu custo total non pode ser inferior a 38.000 euros, do que un 30% se debe destinar á contratación artística.

 

Con esta medida, búscase favorecer a participación da música galega nos festivais do sector, ao tempo que se contribúe ao desenvolvemento das industrias culturais a través da promoción dunha xestión máis profesional.

Comparte