Nova: O foro ‘Galicia Crea’ bota a andar para fomentar a creatividade e o pensamento libre, co apoio da Xunta

05/12/2025

O foro ‘Galicia Crea’ bota a andar para fomentar a creatividade e o pensamento libre, co apoio da Xunta

Valentín García e Anxo M. Lorenzo valoran que a súa primeira edición xire ao redor das cantigas, as primeiras creacións literarias en galego

Os representantes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientan que o novo proxecto “fomenta espazos de traballo e debate necesarios na Comunidade”

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2025

O Foro Galicia Crea botou a andar hoxe como un novo espazo de traballo e debate na Comunidade ao redor da ciencia, a tecnoloxía e a cultura co apoio da Xunta “por fomentar a creatividade e o pensamento libre e crítico na Comunidade”. Así o puxeron en valor o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, na presentación desta iniciativa que se pon en marcha cunhas xornadas ao redor das cantigas-galego portuguesas de finais do século XII.

Ambos representantes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxeron en valor que Galicia conte, a partir de agora, con este encontro “ateigado de talento e sinerxías de diferentes disciplinas” e celebraron “o atinado da súa actividade inaugural por escoller centrarse nas primeiras creacións literarias en galego”.

De igual xeito, destacaron o feito de que entre os obxectivos desta nova iniciativa se atope “a posta marcha dun plan de mentorización para a orientación da xente máis nova”, o que consideraron “do máis acaído para unha consellería como de  Cultura e Lingua, que ten a xuventude como unha dos seus tres piares e obxectivos”. Por estes motivos, auguraron a este foro “unha frutífera e interesante traxectoria, na que dará de si necesarios apuntamentos, estudos e reflexións cunha perspectiva global, aberta e crítica”, aseguraron.

Galicia Crea está presidida pola produtora Audiovisual Zaza Ceballos, Medalla de Ouro de Galicia 2024 e Premio da Cultura en 2022, e está formada, entre outros, pola inmunóloga África González, o forense Ángel Carracedo, o físico Jorge Mira, a enxeñeira da telecomunicación Edita de Lorenzo,  a editora Laura Rodríguez Herrera, a administrativa Teresa Carballeira, o xornalista Alfonso Cabaleiro,  a secretaria xeral da Universidade de Vigo María José Bravo ou o empresario e consultor Pati Blanco, entre outros membros.

Completan o encontro, o  catedrático de Literatura Comparada José María Paz Gago, coordinador da súa primeira xornada Sete séculos de creación poética en galego, xunto coa profesora Gema Vallín.

‘Sete séculos de creación poética en galego’

Precisamente, o Foro Galicia Crea decidiu presentarse publicamente con este programa cultural arredor das primeiras creacións literarias en galego, que se remontan a finais do século XII. A catedrática emérita da Universidade de Santiago de Compostela Mercedes Brea impartirá a conferencia inaugural e a de clausura correrá a cargo do profesor de Universidade de Porto e membro da Academia das Ciencias de Lisboa José Augusto de Sottomayor Pizarro, máximo especialista na figura e na obra do Rei don Dinis de Portugal.

O programa inclúe tamén os relatorios de Elvira Fidalgo Francisco e Santiago Gutiérrez García, ambos os dous da Universidade de Santiago de Compostela, no que participará tamén Gema Vallín Blanco, da Unversidade da Coruña. Pola súa banda, os profesores Manuel Ferreiro e Leticia Eirín presentarán Universo Cantigas, unha edición integral de todo o corpus das cantigas galego-portuguesas, tanto en formato dixital como físico.

Ao final da xornada, terá lugar unha mesa redonda sobre o presente e o futuro da creación poética na Galicia de hoxe na que intervirán Yolanda Castaño, Adrián Maceda e Helena Salgueiro. Dous espectáculos musicais baseados nas cantigas medievais, a cargo dos grupos Alana e Manseliña, completarán o programa.

Comparte