Nova: Santiago Olmo, proposto pola comisión de valoración para dirixir o CGAC

26/05/2015

Santiago Olmo, proposto pola comisión de valoración para dirixir o CGAC

Comisario de exposicións desde 1986 e crítico de arte, acadou a mellor puntuación no proceso de selección levado a cabo por unha comisión de valoración independente

Santiago, 26 de maio de 2015.- A comisión de valoración propuxo a Santiago Olmo García como novo director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) ao acadar a mellor puntuación no proceso de selección aberto levado a cabo para a cobertura do posto e convocado a través dun concurso público no Diario Oficial de Galicia. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria fixo hoxe público o acordo da dita comisión que cualificou o proceso coas puntuacións finais definitivas dos aspirantes e que se pode consultar en www.cultura.gal.

Para a selección, ademais dos méritos alegados polos aspirantes, este órgano de selección valorou o proxecto presentado por cada un deles, cun plan de actuación para o CGAC cos fins, liñas de actuación, programas e obxectivos a desenvolver nun período de cinco anos, así como a realización dunha entrevista persoal e o coñecemento das linguas oficiais da comunidade autónoma, así como de idiomas estranxeiros.

O artista Antón Pulido presidiu a comisión de valoración, na que actuaron como vogais José Manuel García Iglesias, Antón Castro Fernández, María del Corral López-Doriga e Estrella de Diego Otero. Carlos Rosón Gasalla foi designado presidente suplente, mentres que actuou como secretaria María José Fuentes García, actual xerente do CGAC.

Traxectoria
Nacido en Madrid en 1958 e licenciado en Filosofía pola Complutense de Madrid, Santiago Olmo é comisario de exposicións independente desde 1986 en institucións nacionais, como o Palau Solleric de Palma de Mallorca, o IVAM de Valencia, o Centro Conde Duque de Olivares de Madrid, o Museo Extremeño e Iberoamericano de Badaxoz ou o Institut Valencià d’Art Modern, así como tamén en espazos internacionais, como TEOR/éTica, en Costa Rica, ou o Espace Fortant de France, en Francia. Ademais de crítico de arte e colaborador en distintos medios, Santiago Olmo ten participado en diversos catálogos, conferencias e debates, e formado parte de diferentes xurados en procesos de selección artísticos.

Logo da proposta da comisión de valoración, a Xunta de Galicia procederá ao nomeamento de Santiago Olmo como director do CGAC, un posto que ocuparon con anterioridade Miguel von Hafe, Manuel Olveira, Gloria Moure, Miguel Fernández-Cid e Antón Pulido.

Entre as principais funcións do cargo inclúense a dirección artística do CGAC, a dirección do centro e do seu persoal, a coordinación e planificación da actividade dos seus departamentos, adoptar as medidas precisas para garantir a protección dos fondos artísticos do CGAC e impulsar acordos de cooperación e colaboración con outros centros e institucións afíns, así como a organización de actividades educativas e científicas tanto nacionais coma internacionais.

Un espazo para difusión cultural contemporánea
Situado no centro histórico de Santiago de Compostela, ao pé do convento de San Domingos de Bonaval, o CGAC, obra do arquitecto portugués Álvaro Siza, é un espazo de difusión cultural para dinamizar o panorama artístico actual e reflexionar sobre a diversidade das conformacións culturais na sociedade contemporánea.

Ademais da programación de exposicións temporais, o centro promove diversas actividades, entre as que se inclúen programas de acceso guiado ás exposicións, tanto para adultos, como para escolares e familias. As visitas escolares complétanse con obradoiros nos que se desenvolven de xeito creativo conceptos clave de cada mostra.

O CGAC mantén, así mesmo, unha programación de visitas comentadas por profesionais do ámbito cultural e artístico, procedentes de distintas disciplinas e organiza, ademais, talleres con artistas cun proxecto expositivo no museo, dirixidos a estudantes de belas artes, historia da arte e público interesado en xeral, co obxectivo de coñecer os procesos, a metodoloxía, a técnica, os discursos e a linguaxe de diferentes artistas contemporáneos.
 

Comparte