Nova: Andrés Rivas Rodís acada a primeira residencia de arte e ciencia impulsada pola Xunta e a USC
03/12/2025
Andrés Rivas Rodís acada a primeira residencia de arte e ciencia impulsada pola Xunta e a USC
O artista compostelán desenvolverá o proxecto ‘Outro e sobre si’ para explorar o concepto da superposición cuántica desde a perspectiva das artes visuais
Contará con aloxamento, espazos de traballo e mentoría no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías e na Cidade da Cultura, e recibirá unha axuda de 8.000 € para traballar na súa proposta
Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2025
A Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela veñen de adxudicar a Andrés Rivas Rodís a primeira Residencia ArtLab IGFAE para conectar a creación contemporánea galega coa investigación punteira no campo da física. O artista compostelán desenvolverá o seu proxecto, Outro e sobre si, a partir de febreiro de 2026 nas instalacións do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e da Cidade da Cultura, e será exposto no Gaiás a finais do próximo ano.
A proposta de Rivas Rodís explorará o concepto da superposición, tema fundamental na teoría e computación cuántica, desde a perspectiva das artes visuais. A superposición describe a capacidade das partículas, como electróns ou fotóns, de posuír dous ou máis estados, o que implica que teñen, á vez, a probabilidade de estar en dous lugares ou moverse en dúas dirección opostas. Isto aplícase nos ordenadores cuánticos, que empregan como unidade de información o cúbit, un elemento que pode representar 0, 1 ou os dous estados á vez, permitindo realizar unha inxente cantidade de cálculos de maneira case instantánea.
A comisión de selección, formada por representantes da Fundación Cidade da Cultura e do IGFAE, xunto a profesionais do eido da creación e investigación artística e expertos na colaboración entre arte e ciencia, elixiu por consenso este proxecto entre a trintena de iniciativas presentadas a esta primeira edición da residencia.
O próximo ano, o artista traballará nas instalacións do IGFAE, somerxéndose na práctica diaria do centro de investigación e contando con titoría e asesoramento científico e artístico. Posteriormente, completará a súa estadía na Cidade da Cultura, tirando proveito dos espazos, recursos técnicos e equipo humano do Gaiás para avanzar cara á presentación pública do seu traballo. Durante este tempo, beneficiarase, ademais, de aloxamento nunha residencia universitaria e recibirá unha achega de 8.000 euros.
Andrés Rivas Rodís
Graduado en Belas Artes pola Universitat Politècnica de València e máster en Investigación e Creación en Arte pola Universidade do País Vasco, Andrés Rivas Rodís (Santiago de Compostela, 2000) realiza actualmente o seu doutoramento na Universidade de Vigo.
Nos últimos anos recibiu recoñecementos a nivel autonómico e estatal, como o XIV Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis 2025, o Premio ao Mellor Artista Emerxente de SWAB Barcelona Art Fair (2025) ou a concesión da Cátedra Adegas Faustino & Willy Ramos con destino París no ano 2022. Ademais, foi seleccionado diversas residencias nacionais e participou no Encontro de Artistas Novos EAN11 da Cidade da Cultura no ano 2021.
Expuxo a súa obra en galerías e espazos culturais do País Vasco, Valencia e Galicia, así como na mostra colectiva Territorio Contemporánea (Sala ABANCA, Santiago de Compostela, 2025). A súa obra está presente en coleccións públicas e privadas como a de Piramidón, Centre D´Art Contemporani de Barcelona, Colección Norte do Goberno de Cantabria, a Fundación Campocerrado, KELLS Art Collection, a Colección de Arte MANGO, Juntas Generales de Bizkaia e o Museu da Universitat d'Alacant.
A primeira edición das Residencias ArtLab IGFAE naceu co obxectivo de tecer fíos entre a investigación en física de partículas e a creación contemporánea galega. Esta nova iniciativa encádrase nas liñas de apoio á creación do programa de Residencias Artísticas do Gaiás, un conxunto de actuacións promovidas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na Cidade da Cultura do que se beneficiaron máis de 110 proxectos e 470 artistas nos últimos catro anos.

