Nova: A Xunta convida a gozar do Nadal no Gaiás cunha instalación luminosa de estruturas inchables, teatro, contacontos ou realidade virtual
02/12/2025
A Xunta convida a gozar do Nadal no Gaiás cunha instalación luminosa de estruturas inchables, teatro, contacontos ou realidade virtual
O Hall de Tirantes do Museo Centro Gaiás transfórmase desde hoxe nunha paisaxe branca e dourada, con grandes estruturas inchables como esferas luminosas e corredores translúcidos parcialmente transitables no seu interior
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anima a descubrir esta instalación así como toda a oferta da Cidade da Cultura para estas festas
As actividades do ‘Nadal no Gaiás’ inclúen un espectáculo teatral no interior dun globo aerostático, contacontos, obradoiros familiares de decoración da árbore e de construción de inchables, realidade virtual ou un ‘escape room’
Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2025
A Xunta de Galicia convida as familias a descubrir na Cidade da Cultura a programación do Nadal no Gaiás, que hoxe arrinca coa apertura da instalación Soños de Argonautas. Esta proposta da arquitecta Nuria Prieto converte o Hall de Tirantes do Museo nunha paisaxe, feita con materiais de reciclaxe, de esferas luminosas e corredores inchables, presidida pola súa xa tradicional árbore de madeira. Ao longo de máis dun mes, o Gaiás acollerá un feixe de actividades que inclúen espectáculos teatrais e musicais, obradoiros familiares, visitas guiadas, realidade virtual ou un escape room.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou esta tarde a instalación no seu primeiro día de apertura, acompañado do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a autora da proposta, Nuria Prieto, así como numeroso público asistente. López Campos animou a toda a rapazada a participar nas diversas actividades organizadas pola Cidade da Cultura nestas datas, “que convidan ao goce do tempo compartido en familia con propostas creativas e culturais de primeiro nivel”.
A instalación Soños de Argonautas, proxectada pola arquitecta Nuria Prieto, crea no Hall de Tirantes do Museo unha atmosfera onírica a través de grandes estruturas inchables, que compoñen unha paisaxe branca e dourada, con grandes esferas e corredores translúcidos. A instalación constrúese con membranas de plástico reciclable e iluminación led, sendo unha parte da mesma transitable no seu interior.
Ao longo das semanas do Nadal, e empregando o material sobrante da construción das estruturas, elaboraranse colectivamente adornos para a árbore de madeira que preside a instalación. En varios obradoiros con monitores especializados, nenos e nenas escribirán os seus desexos para este Nadal en anacos de plástico que, emulando flocos de neve, enfiarán para formar longas grilandas brancas.
Soños de Argonautas é unha creación de Nuria Prieto (Ponferrada, 1985), arquitecta afincada na Coruña que participou en proxectos recoñecidos internacionalmente, como o pavillón español Unfinished na Bienal de Venecia —gañador do León de Ouro— e o proxecto de investigación Gaza: A house for 1.5m in-habitants, xunto ao arquitecto Michael Sorkin. Na actualidade desenvolve o seu traballo entre a docencia, a edición e a creación de arquitecturas efémeras e experimentais, explorando o potencial pedagóxico e urbano das estruturas inchables.
Teatro dentro dun globo aerostático
A instalación acollerá diferentes actividades ao longo do mes que inclúen, ademais dos obradoiros de decoración da árbore, sesións de contacontos, visitas guiadas pola autora da instalación ou un taller para público familiar no que nenos e nenas poderán aprender a construír eles mesmos estruturas inchables empregando materiais sinxelos como bolsas do lixo e cinta adhesiva.
A oferta da Cidade da Cultura para estas datas complétase con dúas funcións teatrais da obra Tripula, de Farrés Brothers i Cia, unha peza cargada de humor que combina teatro, música, sombras e monicreques e que se desenvolve nun lugar tan efémero e pouco habitual como a tea recuperada dun antigo globo aerostático.
Música e realidade virtual para gozar das festas
Xa en xaneiro, a Cidade da Cultura programa un concerto de Fua, cuarteto de corda formado por Daniel Canosa Castro, Pablo Quiroga González, Jorge Galán Adega e Javier Ucha Fariña. O grupo aposta por reinterpretar música moderna desde unha formación clásica, achegando así estes instrumentos a un público máis amplo e diverso.
Por último, tamén volve ao Gaiás a experiencia de realidade virtual do Galiverso de Nadal, da que gozarán especialmente os máis pequenos e pequenas da casa, e, un ano máis, o complexo arquitectónico quedará ambientado no seu exterior desde hoxe e ata o 6 de xaneiro cun deseño de luces visible desde diversos puntos da cidade de Santiago.
As entradas para as diferentes actividades estarán dispoñibles a partir de mañá mércores 3 de decembro, a través da web da Cidade da Cultura, onde poden consultarse datas, horarios e dispoñibilidade de prazas.
