Nova: A Xunta proxecta a cultura galega en Iberoamérica cunha delegación propia na Feira do Libro de Guadalaxara

02/12/2025

A Xunta proxecta a cultura galega en Iberoamérica cunha delegación propia na Feira do Libro de Guadalaxara

O Goberno galego convida seis autores e unha editorial nunha das citas internacionais máis relevantes do sector, que se celebra nesta cidade mexicana

Marta Estévez, Antonio García Teijeiro, Ulises Bértolo, Arantza Portabales, Paula Mayor e a editorial Elvira, con Xabier Romero e María Lado, mostran o seu traballo en presentacións, conferencias e entrevistas

O expositor do Executivo autonómico promociona preto de 300 publicacións de 24 editoriais ata o 7 de decembro

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2025

A Xunta de Galicia está a proxectar, un ano máis, a cultura galega en Iberoamérica cunha delegación propia na Feira do Libro de Guadalaxara, unha das citas internacionais máis relevantes para o sector que se celebra ata o 7 de decembro nesta cidade mexicana.

Para iso, o Goberno galego ten convidado a participar no seu expositor institucional a seis autoras e autores, xunto cunha editorial. Deste xeito, Marta Estévez, Antonio García Teijeiro, Ulises Bértolo, Arantza Portabales, Paula Mayor e a editorial Elvira, con Xabier Romero e María Lado, están a mostrar estes días o seu traballo en presentacións, conferencias e entrevistas, o que permitirá dar a coñecer unha mostra do bo momento que atravesa o sector editorial galego.

Precisamente, a edición en Galicia sumou o pasado ano 1.948 novos títulos, dos cales o 65 % foron publicados en lingua galega. Neste senso, tamén cabe destacar que o pasado ano, o sector editorial da Comunidade rexistrou unha facturación de 27,72 millóns de euros, dos que máis da metade correspóndense a libros editados en galego, segundo o último informe sobre o sector editorial realizado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Desta facturación, débese apuntar que preto de 25 M€ corresponden á venda de exemplares en formato impreso, o que supón a comercialización de 1,58 millóns de publicacións cun prezo medio de 15,79€ por unidade. Ademais, as categorías con maior nivel de actividade son as de ficción para adultos, infantil e xuvenil. Deste último xénero literario é unha das dúas editoriais galegas, Kalandraka, que xunto a Creotz, resultou beneficiaria das últimas axudas da Xunta para a asistencia a este tipo de eventos internacionais.

A respecto, cómpre remarcar que o departamento de Cultura da Xunta destina 247.000€ anuais para asistir a este tipo de eventos con proxección internacional, concretamente para ter presenza, ademais de na Feira do Libro de Guadalaxara (México), na de Boloña (Italia) e na de Bos Aires (A Arxentina), ás que se lle suma a Feira Internacional do Cómic Ficomic, en Barcelona.

De igual modo, este apoio do Goberno galego tamén se verá reflectido nos próximos Orzamentos de 2025. Así, a folla de ruta para o sector cultural terá especial incidencia no ámbito do libro e da lectura, no que este departamento mostrará o seu apoio aos diferentes axentes da cadea de valor cun investimento de 3 millóns de euros para o próximo ano.

Ademais de convidar a participar a estas autoras e autores galegos, a Xunta está a difundir no expositor oficial a creación literaria en Galicia máis actual cun preto de 300 exemplares, provenientes de 13 editoriais galegas, entre as que se atopan as que editaron os libros dos escritores e escritoras que participan nesta delegación.

Destas forma, están presentes, entre outros, os traballos de Galaxia, Medulia, Entre Nubes y Cuentos, Cumio, Hércules, Triqueta, Elvira, OQO, Kalandraka, Cuarto de Inverno, Xerais, Baía e Aira.

Comparte