Nova: A Xunta destina preto dun millón de euros a 69 bolsas de formación en bibliotecas, arquivos e museos

01/12/2025

A Xunta destina preto dun millón de euros a 69 bolsas de formación en bibliotecas, arquivos e museos

 

  • O Consello dá luz verde a convocatoria 2026-2027 que incluirá 33 prazas na Rede de Bibliotecas de Galicia, 18 no Sistema de Arquivos e 18 no de Centros Museísticos
  • O obxectivo desta iniciativa é impulsar a formación especializada do futuro persoal técnico destes centros e posibilitar unha aprendizaxe máis práctica
  • O número de persoas que solicitan estas bolsas medrou un 55% desde o ano 2020, cun total de 1893 persoas presentadas

O Consello da Xunta aprobou hoxe as bases e a convocatoria para o período 2026-2027 das bolsas de formación en arquivos, museos e bibliotecas, ás que a Xunta de Galicia destina 955.000 euros para ofertar un total de 69 prazas. Trátase dunha iniciativa que busca impulsar a formación especializada do futuro persoal técnico dos centros, así como posibilitar a súa aprendizaxe desde unha perspectiva máis práctica.

 

No caso da formación en biblioteconomía, convócanse 33 prazas para bolsas de formación con acompañamento de titores en diversos centros da Rede de Bibliotecas de Galicia. A estadía permitirá que as persoas participantes poidan afondar nas técnicas de uso e tratamento dos fondos bibliográficos, na atención aos usuarios e na planificación, xestión e execución dos distintos servizos bibliotecarios. Estas bolsas, cun prazo máximo de 13 meses, poderán desenvolverse na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura; na Ánxel Casal de Santiago de Compostela, na Miguel González Garcés da Coruña, na de Lugo, na Nós de Ourense, na Antonio Odriozola de Pontevedra, na Juan Compañel de Vigo ou na Biblioteca Pública Central de Ferrol.

 

No tocante aos arquivos, ofreceranse 18 prazas nos arquivos do Sistema de Arquivos de Galicia que conten con persoal técnico. A formación, que terá unha duración máxima de 12 meses, comprenderá unha parte práctica e outra teórica e estará relacionada cos procesos técnicos que se realizan nestes centros e coa xestión dos seus fondos documentais.

 

Respecto aos espazos museísticos, a convocatoria inclúe 18 prazas cunha duración máxima de 12 meses. Neste caso, as actividades que desenvolverá o persoal bolseiro inclúen aspectos de documentación, difusión e didáctica. Deste xeito, os participantes poderán coñecer os labores de conservación, rexistro, inventario, catalogación, organización de visitas guiadas, búsqueda de información ou manipulación de pezas, entre outras.

 

En todos os casos, as persoas bolseiras comezarán a súa experiencia ao longo do segundo semestre do ano 2026 e recibirán unha cuantía de 1.010€ no caso das bibliotecas e de 1.055€ no dos arquivos e museos. Cómpre lembrar que as persoas interesadas en participar deberán enviar a solicitude a través da sede electrónica unha vez se publiquen no Diario Oficial de Galicia e cumprir cos requisitos recollidos na convocatoria entre os que se inclúe a formación académica, o coñecemento da lingua galega ou non ter participado nestas mesmas bolsas con anterioridade.

 

A convocatoria para o vindeiro ano dá continuidade ao traballo iniciado pola Xunta de Galicia no ano 2020 co obxectivo de proporcionar unha aprendizaxe teórico-práctica que, engadida á formación académica que se lles esixe ás persoas participantes, contribúa a completar e ampliar o seu currículo académico. Trátase dunha medida cuxa acollida medrou desde a súa posta en marcha nun 55%, acadando un total de 1.893 persoas presentadas desde 2020. Este interese motivou o crecemento da achega feita pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude nun 24%, pasando de 775.000€ aos 955.000€ actuais.

 

Comparte