Nova: Kiyoshi Kurosawa centra a programación de decembro na Filmoteca de Galicia xunto a novas propostas experimentais e encontros con cineastas
01/12/2025
Kiyoshi Kurosawa centra a programación de decembro na Filmoteca de Galicia xunto a novas propostas experimentais e encontros con cineastas
A retrospectiva sobre o director xaponés convive co regreso de ‘Desencadre’s', a través da obra en 16 mm de Chick Strand
A carteleira da cinemateca da Xunta tamén inclúe a estrea do ciclo ‘Territorios mutantes’, na que participarán Gala Hernández e Alfredo Ramos
Presentaranse ‘Estrany riu’, dúas xornadas dedicadas á crítica cinematográfica galega, novas sesións de ‘Off Galicia’ e a despedida do especial ‘Espello Vídeo Cine’
A Coruña, 1 de decembro de 2025
O cinema de terror do xaponés Kiyoshi Kurosawa protagoniza a programación de decembro na Filmoteca de Galicia, que tamén lle dedica parte da súa carteleira mensual á vangarda experimental de Chick Strand, á estrea do novo ciclo Territorios mutantes, á despedida da revista dixital de crítica cinematográfica A Cuarta Parede e á visita do director Jaume Claret Muxart dentro da celebración dos 20 anos do programa formativo Cinema en Curso. O peche do ano na cinemateca da Xunta complétase coas últimas sesións de Espello Vídeo Cine, as presentacións da sección Off Galicia e unha proposta para público familiar en Filmoteca Jr.
O ciclo Kiyoshi Kurosawa: a vinganza da soidade, en colaboración coa Fundación Xapón, céntrase nun período clave da filmografía do director, entre finais dos noventa e comezos do século XXI, cando consolida un estilo austero e inquietante e se converte nunha figura esencial do xénero de terror xaponés, coñecido como J-Horror.
A escolma que poderá verse nestas tres primeiras semanas de decembro inclúe títulos centrais da etapa que consolidou a reputación internacional do director, desde Cure, interpretada por Koji Yakushô, ata obras como License to Live e Charisma, nas que o actor volve ocupar un papel protagonista. Neste período, Kiyoshi Kurosawa desenvolve tamén o díptico formado por Eyes of the Spider e Serpent’s Path, rodadas con poucos medios e en tempos moi reducidos, que dialogan entre si arredor da vinganza. O programa complétase con Barren Illusions, unha das súas propostas máis enigmáticas, e Bright Future, centrada na rabia e a liberación xuvenil, antes de pechar con Cloud, a obra máis recente do cineasta, que actualiza a súa visión apocalíptica sobre o illamento e o individualismo na era tecnolóxica.
A voz pioneira de Chick Strand
A Filmoteca de Galicia, dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, retoma a sección Desencadres cunha ampla homenaxe en 16 mm á cineasta Chick Strand, figura esencial da vangarda independente de Estados Unidos. A retrospectiva distribúese en tres sesións os días 2, 9 e 16, cun percorrido pola súa obra restaurada recentemente polo Academy Film Archive.
As pezas seleccionadas permiten descubrir unha autora que traballa entre California e México combinando antropoloxía, colaxe visual, feminismo e autoficción. Nas súas películas conviven rexistros documentais, capas de found footage e unha montaxe libre e irónica que anticipa liñas estéticas posteriores.
‘Territorios mutantes’ abre un novo espazo de reflexión contemporánea
A carteleira de decembro inclúe a estrea dun novo ciclo comisariado por Jara Yáñez e Elsa Tébar: Territorios mutantes, que busca reflexionar sobre as transformacións culturais e sociais do presente. Baixo o título Perforar as masculinidades, o primeiro bloque mensual deste programa ofrecerá os días 18 e 19 cadanseu diálogo coa cineasta Gala Hernández e co politólogo Alfredo Ramos, autor do libro que lle dá nome ao bloque. A película elixida como “carta branca” desta primeira entrega é La danse des renards, de Valéry Carnoy.
No marco da conmemoración do 20 aniversario do programa educativo Cinema en curso, o día 10 exhibirase Estrany riu, ópera prima de Jaume Claret Muxart, producida por Zuzú Cinema e Miramemira e estreada na pasada edición do festival de Venecia. O pase incluirá un coloquio co director moderado por Laia Collel.
A crítica cinematográfica galega
O especial dedicado á despedida da revista A Cuarta Parede sérvelle á Filmoteca para homenaxear o papel da crítica cinematográfica en Galicia a través de dúas xornadas. O día 3 ofrecerase unha escolma de curtametraxes presentada por Jesús Silva, director desta publicación dixital, nun programa que percorre a evolución do cinema galego recente, mentres que o día 4 terá lugar unha mesa redonda sobre o estado da crítica en galego con Beli Martínez, Marta Pérez e Ángel Sánchez, moderada por Brais Romero e seguida da proxección de Vikingland, de Xurxo Chirro.
Tamén en decembro a Sala José Sellier despide Espello Vídeo Cine coas sesións 1982–1983: o agro (día 17) e 1983: a fábrica (día 23), mentres que a sección Off Galicia recibirá o día 5 a Roberto Alvite para presentar As tres outras vidas de María Santiso e o día 23 a Paula Veleiro con Te separas mucho o 23 ás 20,30 horas.
A cita para o público familiar deste mes será o día 13 coa proxección de Flow, un mundo que salvar.
