Nova: A Xunta aproba a integración da Colección Vicente Risco no Sistema Galego de Museos

01/12/2025

A Xunta aproba a integración da Colección Vicente Risco no Sistema Galego de Museos

  • O Consello dá o visto e prace ao acordo para a creación e cualificación desta Colección Museográfica, titularidade da fundación dedicada ao autor
  • Únese deste xeito aos 95 espazos recoñecidos pola Lei, que distingue 70 museos, tres centros de interpretación do patrimonio cultural e 22 coleccións
  • O legado está composto por fondos documentais, bibliográficos, plásticos e por outras pezas como mobiliario ou útiles domésticos pertencentes á familia
  • O Goberno galego valora o interese cultural para Galicia que presenta a figura do intelectual e a súa herdanza literaria, artística, política ou etnográfica
  • O proxecto expositivo desenvólvese no concello ourensán de Allariz, na que fora a casa familiar do homenaxeado

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde ao acordo para a creación e cualificación da Colección Museográfica Vicente Risco, xestionada pola fundación dedicada ao autor e composta por fondos documentais, bibliográficos, plásticos e familiares, que pasará así a integrarse no Sistema galego de centros museísticos.

Deste xeito, esta nova incorporación súmase ás 22 coleccións rexistradas actualmente nesta rede (aquelas que sen reunir os requisitos propios para funcionar como un museo, si cumpren con criterios museográficos), aos 70 museos e aos tres centros de interpretación do patrimonio cultural, as categorías recoñecidas pola Lei de Museos 7/2021.

Así, o legado titularidade da Fundación Vicente Risco, gozará do recoñecemento que supón estar baixo o paraugas deste sistema, podendo acceder a convocatorias de axudas específicas, participando en xornadas técnicas e contando coa garantía de que cumpre con todos os requisitos en canto a instalacións e plan museolóxico, o documento que recolle todos os programas necesarios para o desenvolvemento dunha colección museográfica, determinando as áreas de funcionamento, prioridades e necesidades

O Goberno galego considerou, neste senso, o valor e interese cultural que presenta a figura de Vicente Risco, membro da Xeración Nós, e a súa herdanza literaria, artística, política e etnográfica para a historia de Galicia. Ademais, tamén se tivo en conta a importancia do centro como revulsivo na dinamización da vida social e cultural da vila de Allariz, onde se localiza, e da súa contorna, favorecendo a inclusión neste territorio en liña coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.

Un legado que vai de pezas artísticas a útiles domésticos

A Colección Museográfica Vicente Risco está integrada polos fondos documentais, bibliográficos e plásticos de Vicente Risco, do seu fillo Antón, así como outros fondos familiares doados á Fundación pola familia. Unha dotación inicial á que hai que engadir doazóns posteriores realizadas por diversos colectivos, conformando un contido de moi diversa natureza que abrangue arte, artes decorativas, antropoloxía, historia ou literatura.

Entre as pezas atópanse documentos dos traballos de Vicente e Antón Risco vencellados á súa actividade ensaística, académica, política ou a colaboracións na prensa, así como libros de estudo e ambos os dous autores. Tamén se recolle a obra plástica de pai e fillo, así como de diversos artistas, especialmente galegos, cos que mantiveron relación persoal ao longo da súa vida, que van desde debuxos ata gravados, entre outras creacións.

Por outra banda, tamén se conta con fondos documentais relacionados con Allariz e Castro Caldelas, que por diversos motivos custodiaron as familias Martínez-Risco e Fernández, destacando o do propio Vicente Risco, esencial para estudar e comprender a enorme vida cultural, académica, social e política da Galicia da primeira metade do século XX. A isto hai que engadirlle mobiliario, fotografías e outros útiles domésticos e de uso persoal pertencentes a Vicente Risco e á súa familia.

O proxecto expositivo             

O espazo cultural dedicado a Vicente Risco sitúase na casa familiar de María del Carmen Fernández Gómez, a que fora a súa muller. Nesta vivenda, situada no número 3 da rúa San Lourenzo, na localidade ourensá de Allariz, viviu o matrimonio e os seus fillos. Trátase dun inmoble da burguesía urbana construído a mediados do século XIX que consta de tres plantas, cun pequeno xardín na parte posterior. Logo de varias décadas de abandono, o Concello mercouno en 1996, restaurouno e cedeu o seu uso o como sede da fundación.

O percorrido comeza na planta baixa, onde se presenta a Vicente Risco a través de retratos realizados por artistas galegos, como unha homenaxe á súa figura, e onde se realizan actividades como presentacións de libros, música ou conferencias. A principal está dividida en diferentes espazos dedicados aos temas de arte, historia ou literatura, entre outros, e no terceiro andar expóñense obras que continúan a traxectoria de Risco, incluíndo unha sala de investigación. O discurso organízase cronoloxicamente, amosando a relevancia do autor como pensador, escritor, investigador, teórico da arte, político e creador, ao longo das décadas.

Comparte